O alcalde de Vigo felicita a atlanTTic polos seus 15 anos de traxectoria
venres, 21 de novembro do 2025
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, achegouse este xoves 20 de novembro ao acto de celebración do 15 aniversario do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación – atlanTTic - da Universidade de Vigo, un dos dez centros que integran a Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) e centro líder da Universidade de Vigo en captación de fondos.
O rexedor puxo en valor o traballo de atlanTTic e a calidade e importancia das súas investigacións así como a súa capacidade para obter fondos do Goberno de España, destacando a futura construción da fábrica de chips fotónicos (Sparc) na cidade.
Unha cita multitudinaria
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou este xoves 20 de novembro, no Tinglado do Porto de Vigo, o seu 15º aniversario. Fíxoo cun acto conmemorativo no que participaron representantes da Xunta e da UVigo, así como membros da comunidade investigadora do centro e axentes do ecosistema tecnolóxico galego.
O acto arrancou cunha visita institucional á zona de postos nos que se presentaron diferentes proxectos de investigación e transferencia, demostracións tecnolóxicas e resultados de investigación desenvolvidos polo centro ao longo da súa traxectoria.
Esta mostra permitiu amosar ao público unha panorámica do labor investigador de atlanTTic en ámbitos como as comunicacións 6G, ciberseguridade, intelixencia artificial, redes avanzadas ou tecnoloxías cuánticas. Trala visita aos postos, tivo lugar a apertura institucional, presidida por Román Rodríguez González, conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades da Xunta de Galicia e Manuel Reigosa, reitor da UVigo, que coincidiron en destacar que a colaboración é fundamental e que se deben tender lazos con outros centros de investigación e tecnolóxicos.
O conselleiro salientou a innovación feita desde Galicia para o mundo e destacou que “os centros de investigación como atlanTTic son o futuro e son vitais para seguir sendo o que somos e mellorar a vida das persoas”.
Pola súa banda, o reitor da UVigo destacou o papel estratéxico de atlanTTic como un dos centros de referencia en tecnoloxías de telecomunicación en Galicia.
Durante o de celebración do aniversario fíxose un repaso pola traxectoria de atlanTTic, na que participaron as tres persoas que dirixiron o centro ao longo da súa historia: Nuria González Prelcic, Carlos Mosquera Nartallo e o actual director Martín Llamas Nistal. Todos eles, repasaron os fitos máis salientables destes quince anos, os logros científicos acadados e os desafíos que marcan a folla de ruta de atlanTTic para a próxima década.
Nuria González Prelcic, directora do centro entre 2010 e 2017, declarou que “atlanTTic naceu desde abaixo, grazas ao esforzo dos grupos que o fixeron realidade. Desde aqueles inicios como ACETIC ata o impulso do proxecto Táctica, o maior da UVigo con 9 millóns de euros, o centro converteuse nunha xoia para Galicia e nun piar clave do polo galego das telecomunicacións.”
Carlos Mosquera Nartallo, pola súa banda, destacou que quince anos demostraron a capacidade de atlanTTic para medrar sobre unha base científica sólida e para consolidar alianzas estratéxicas dentro e fóra de Galicia. “O centro soubo combinar excelencia investigadora e transferencia, xerando tecnoloxía con impacto real na sociedade”, declarou Mosquera.
Para pechar o acto, Martín Llamas Nistal, actual director de atlanTTic, insistiu en que “o futuro de atlanTTic pasa por reforzar a súa proxección internacional e por liderar novos retos en ámbitos emerxentes como as comunicacións 6G, a intelixencia artificial, a fotónica ou as tecnoloxías cuánticas. Seguiremos traballando para que o centro sexa un actor clave nun ecosistema dixital competitivo e global.”
Quince anos de logros
Desde o seu nacemento, atlanTTic acadou sete proxectos do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta e cinco spin-offs activas, así como 626 publicacións no período 20-24. A súa investigación punteira en ámbitos clave como as comunicacións 5G/6G, a ciberseguridade e privacidade, a fotónica integrada, as tecnoloxías cuánticas e as tecnoloxías aeroespaciais, impulsou a creación do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou o laboratorio de redes de comunicacións B5G/6G Communication Networks Laboratory.
