O alumnado da EUDI disputa o seu tradicional concurso de catapultas impresas en 3D

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

Un ano máis, o alumnado do segundo curso do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, titulación que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), tirou proveito integral do seu talento para dar forma a unha catapulta empregando a impresión 3D. O concurso tivo lugar, este luns 13 de abril, entre as 09:00 e as 11:00 horas, no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol.
O obxectivo deste reto, proposto polos profesores Fran González e José Antonio Pérez no marco da materia Sistemas Mecánicos, era o deseñar un compoñente mecánico fabricado mediante impresión 3D que fixese de panca para lanzar un proxectil esférico, de 25 gramos de peso e un diámetro de 40 milímetros, e que este alcanzase a un pequeno boneco de cor verde. Tal e como explican os dous docentes da Universidade da Coruña (UDC), a función do compoñente deseñado non era outra que a de almacenar a enerxía elástica e liberala no momento do lanzamento do proxectil.
O primeiro premio foi para o equipo XXXX quen lanzou a bola a tan só 58 centímetros do boneco. O segundo galardón recaeu en ImpulsoX logo de deixar a bola a 70 centímetros de distancia do obxectivo marcado. Todo o alumnado participante no concurso recibirá 0,4 puntos máis na nota final materia por “participación digna”. Os 0,6 puntos restantes que estaban en xogo serán asignados de forma inversamente proporcional á mínima distancia obtida por cada un dos equipos nos seus lanzamentos.