O alumnado da Fundación TIC retransmitirá por Internet os novos concursos de baristas de Foz

xoves, 15 de febreiro do 2018 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo anunciou hoxe que vai achegar cobertura total ao onceavo Campionato Internacional de Baristas das Escolas de Hostalería de Foz, o sexto Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería Baristas Profesionais e o sexto Campionato de Baristas Profesionais, que se celebran na devandita localidade galega do 21 ao 23 de febreiro. En termos máis concretos, o alumnado da Escola de Imaxe e Son (Fundación TIC) será o encargado de retransmitir os devanditos eventos en streaming, pudendo seguirse os acontecementos a través das redes sociais Facebook e YouTube.
O patrón da Fundación TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, acompañado polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio, e o coordinador das competicións, Xosé Ríos, presentou este xoves a nova colaboración nun acto no que un alumno de hostalería do centro focense preparou unha degustación de cafés.
Santos Ramos lembrou que a colaboración coa escola vense desenvolvendo dende hai unha década. Tamén sinalou que este traballo cooperativo ten ido alén do ámbito formativo, “xa que grazas a esta emisión, a TIC dá proxección nacional e internacional tanto ao Concello de Foz como ás competicións”.
Asemade, facendo fincapé na repercusión dos campionatos e da cobertura audiovisual, recordou que este ano participan 18 escolas de hostalería de Galicia, Cantabria, Euskadi, Castela e León e, por primeira vez, unha escola de París. A isto hai que engadirlle o campionato de profesionais, con 12 participantes, “que suscita gran interese no sector”.
Ramos tamén sinalou que nesta edición desprazaranse a Foz todos os estudantes de segundo de realización da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC que, baixo a supervisión dun docente, serán os encargados da emisión por streaming das tres xornadas. “Isto supón unha gran oportunidade para que o alumnado da nosa escola poña en práctica os seus coñecementos e adapte a súa formación á demanda dun sector en continuo cambio”, explicou, engadindo que a retransmisión en directo por Internet realizarase con cinco cámaras, e que os alumnos rotarán por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización e realización. Ademais, este ano, como novidade, os estudantes tamén editarán, in situ, cada unha das probas por separado para compartilas de contado nas redes.

PUBLICIDADE