O alumnado da UVigo emprega máis a IA para cuestións persoais que académicas

xoves, 2 de xullo do 2026 S. P.

Un estudo desenvolvido con 687 estudantes de doce titulacións dos tres campus da Universidade de Vigo amosa que o alumnado emprega con maior medida a intelixencia artificial xerativa para fins persoais que para cuestións académicas, constatándose unha “infrautilización das posibilidades pedagóxicas” destas ferramentas.
Realizado pola profesora da Facultade de Dirección e Xestión Pública Sara Torres, no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, este traballo permitiu constatar tamén que “a maior parte do estudantado non é consciente dos nesgos que poden reproducir os modelos de IA, mostrando limitacións significativas en pensamento crítico e alfabetización dixital”, segundo sinala Torres.
Seleccionado na convocatoria de axudas á investigación da cátedra promovida pola UVigo e a Deputación de Pontevedra, o proxecto Intelixencia artificial no ámbito universitario. Análise de xénero nos usos, motivacións, consideracións éticas e percepción dos nesgos tiña como obxectivo “examinar as prácticas de uso da intelixencia artificial entre o alumnado da UVigo”, así como a súa “percepción de nesgos e cuestións éticas asociadas ao seu uso”. Do mesmo xeito, buscaba tamén “xerar propostas para o desenvolvemento de políticas e prácticas institucionais orientadas a un uso responsable e equitativo da intelixencia artificial” na Universidade.
Como dixemos, un total de 687 estudantes de titulacións de diferentes ámbitos, o 62% mulleres, participaron nunha enquisa que, en primeiro termo, permitiu constatar que preto do 80% do alumnado emprega a intelixencia artificial “con relativa frecuencia para cuestións persoais”. Pola contra, aproximadamente a metade das persoas participantes afirmaron non empregala “nunca ou case nunca con fins académicos”, subliña a investigadora.
En termos xerais, a maior parte do alumnado emprega estas ferramentas practicamente a diario ou “unha ou dúas veces por semana” para finalidades persoais ou de ocio, mentres que o seu uso académico destaca polo “predominio de tarefas de apoio básico”, como a xeración de ideas, a elaboración de resumos ou a procura rápida de información. Pola contra, é pouco frecuente a súa utilización para tarefas como a corrección ortográfica ou gramatical, a tradución de textos, a práctica de idiomas ou a creación de contidos, xa que máis da metade das e dos participantes afirmaron non empregar nunca a intelixencia artificial para este tipo de labores. “Utilízanas máis como un atallo”, conclúe Torres, que incide en que os usos maioritarios están vinculados con “aforrar tempo”, sen que estes supoñan unha “aprendizaxe”, o que lévaa á súa vez incidir en que este tipo de tecnoloxías poden contribuír tamén ao fomento do pensamento crítico, a creatividade e a aprendizaxe autónoma.
Descoñecemento dos nesgos
No estudo constátase que a maior parte do alumnado amosa “incerteza ou descoñecemento” respecto dos “nesgos que poden reproducir os modelos de intelixencia artificial”, que poden converterse “nun vehículo de reprodución das desigualdades de xénero”, lembra Torres.
Mais, por outra banda, existe alumnado que si observa nesgos concretos nestas ferramentas, sendo os máis sinalados os relacionados coa lingua, a idade, o xénero e aspectos étnicos ou de clase.
Os resultados desta enquisa permiten tamén comprobar “un nivel de preocupación significativamente maior” entre as alumnas á hora de que a intelixencia artificial poida proporcionarlle información incorrecta ou de escasa fiabilidade, afirmación coa que se amosaron de acordo ou moi de acordo o 78% das participantes, unha porcentaxe superior nun 10% á dos alumnos. As estudantes amosaron tamén unha maior preocupación respecto do que o profesorado poida detectar o uso da IA nas súas tarefas, ao tempo que se amosaron menos propensas a empregar estas ferramentas “para matar o tempo”.
A investigación completouse coas entrevistas realizadas a seis docentes, que coincidiron en sinalar estas ferramentas como unha tecnoloxía “que a comunidade educativa ten que adoptar”, explica Torres.
No seu conxunto, subliña Torres, os resultados desta investigación resaltan a necesidade dunha “alfabetización dixital crítica e reflexiva” e de proporcionar formación específica ao estudantado, co obxectivo de “fomentar un uso informado, ético e consciente destas tecnoloxías”. Ao mesmo tempo, as conclusións deste estudo poñen tamén o foco na importancia de desenvolver protocolos de uso destas ferramentas.
A investigación desenvolvida ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 dará tamén como resultado unha publicación nun libro colectivo, coordinado pola universidade polaca de Kielce, no que Torres fai fincapé nesa “necesidade de protocolos de uso” no ámbito académico, así como nos “múltiples retos” que enfrontan as universidades á hora de “xestionar o impacto da intelixencia artificial de forma responsable e eficaz”.