O alumnado de Caldas recibirá unha charla sobre como facer unha análise axeitada de datos

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

A catedrática e investigadora Rosa Crujeiras

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra, ao abeiro do segundo bloque do IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, organizan este martes unha charla para o alumnado de Bacharelato do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis: O que agochan os datos, a cargo da investigadora e catedrática Rosa Crujeiras, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) da Universidade de Santiago de Compostela. O Ciclo Aida Fernández Ríos, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, ten o obxectivo de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova.
Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo.
Volvendo á actividade deste martes, Crujeiras adianta que “nunha sociedade onde todo se mide e se cuantifica, faise preciso dispor de ferramentas que permitan unha adecuada análise dos datos recollidos para entender os fenómenos que nos rodean e poder tomar decisións”. Nesta liña, indica que “o deseño e estudo destas ferramentas é a misión fundamental da Estatística, que na actualidade enfróntase a grandes retos, non só polo elevado volume de datos que se deben analizar, senón tamén pola complexidade dos mesmos”. Así, ao longo da charla, a investigadora achegará ao alumnado a Estatística como ciencia que ordena e analiza os datos, obtendo resultados que permiten realizar predicións. Ademais, porá de relevo a importancia de interpretar de xeito crítico a información que se extrae dos datos.
Crujeiras lembra que “dispoñemos de infinidade de datos a través das administracións (en rexistros oficiais e enquisas), datos que rexistran os nosos dispositivos electrónicos, datos de experimentación...”. Na súa intervención, empregará estudos realizados en distintos ámbitos como a ecoloxía, o medio ambiente, a meteoroloxía ou a lingüística para que o alumnado valore a relevancia actual da Estatística.
A xeito de exemplo, a catedrática sinala que a distribución dos apelidos no espazo e no tempo pode dicir moito de como evoluciona a poboación, como nos desprazamos dentro do territorio. Así, a distribución dos apelidos en Galicia na actualidade non é a mesma que a mediados do século XX, e tampouco teñen a mesa organización de apelidos os concellos do interior que os da costa. “Isto sería un exemplo de aplicación da Estatística no campo da onomástica, a partir de datos oficiais recollidos nos censos”, salienta a investigadora da USC, poñendo o foco (tamén) nos ámbitos da ecoloxía e da zooloxía, eidos nos hai moitos estudos de experimentación sobre orientación animal. Por exemplo, como se orientan os peixes cando son perseguidos por un depredador -cales son as estratexias de escape que elixen- ou se as aves migratorias modifican as súas rutas a causa da intervención humana -existen datos de paxaros que cambian a súa ruta tras a construción dun parque eólico- ou das condicións climáticas como o caso da migración das cegoñas.

PUBLICIDADE