O alumnado de Chantada e a Deputación de Lugo homenaxean nas redes a Xela Arias

martes, 11 de maio do 2021 S. P.

O alumnado do colexio Xoán de Requeixo de Chantada participou na homenaxe audiovisual a Xela Arias promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Concretamente, as e os estudantes de sexto de primaria protagonizaron un dos episodios da serie Outras voces para as letras de Xela, dispoñíbel na canle de Youtube e nas redes sociais, promovida polo dito departamento con motivo do Día das Letras Galegas e a poeta homenaxeada este ano pola Real Academia Galega, Xela Arias, natural de Sarria (Lugo).
A rapazada participou na elaboración do audiovisual coa lecturas de fragmentos de Non te amola!, un conxunto de relatos nos que a escritora sarriá retrata a súa nenez. Os textos, escritos nos anos noventa e inéditos ata a súa publicación este ano pola Editorial Galaxia, recollen as súas vivencias e lembranzas dunha etapa vital de tránsito entre a aldea en Sarria ata a preadolescencia en Vigo.
O vídeo, estreado o pasado xoves, forma parte da serie Outra voces para as letras de Xela, que, como dixemos, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo está a difundir a través da súa canle de Youtube e das redes sociais.
A vicepresidenta e responsábel de Cultura Maite Ferreiro sinalou que “os centros educativos están facendo nestes días un traballo moi importante na difusión da figura de Xela Arias entre o alumnado, o ensino é desde sempre un dos piares da celebración das Letras Galegas, por iso quixemos incorporalo tamén a esta serie. Estes textos, nos que Xela Arias adopta a perspectiva dunha nena de nove anos para contar as vivencias desa etapa vital, ofrecen un oportunidade excepcional para facelo”.
Os vídeos son un total de 15 e contan coa realización de Lorena Gallardo e a fotografía de Humberto Novoa. Estréanse os martes e xoves ás 20.30 horas e fican dispoñíbeis na canle de Youtube.

PUBLICIDADE