O alumnado de Comunicación (UVigo) axuda á cidadanía contra a desinformación
venres, 29 de novembro do 2024
Que o que se fai na aula beneficie á sociedade. Este é, en palabras do profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, o propósito central da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), na que se sustenta o proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática.
Esta iniciativa leva ao alumnado deste centro a crear unha serie de vídeos dirixidos a mostrar á cidadanía “o que é a desinformación, por que funciona e cales son as estratexias e ferramentas para combatela”, sinala este docente.
Preto de 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual participan no presente curso, baixo a coordinación de Dafonte, na sexta edición dunha iniciativa seleccionada na convocatoria de Aps no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo e na que o alumnado conta novamente co asesoramento da ONG Ecos do Sur.
No marco da súa formación na materia Propaganda en medios audiovisuais, as e os estudantes deben desenvolver, divididos en sete grupos, dez vídeos de curta duración, pensados para a súa difusión en redes sociais e que, ao longo deste cuadrimestre, terán que publicar semanalmente nos perfís que crearon para este proxecto. Como apunta Dafonte, investigador do grupo Sepcom e responsábel do grupo de innovación docente Dixitais, o primeiro destes vídeos debía centrarse “en explicar que é a desinformación e por que é algo perigoso ou importante”, mentres que as restantes pezas poden incidir en diferentes aspectos das liñas temáticas propostas. Estas abranguen, en primeiro termo, “falar de que existen distintos tipos de desinformación” e que esta non se limita á difusión de noticias falsas, senón que comprende tamén outras modalidades, como informacións que se presentan dun xeito “impreciso ou enganoso” cunha determinada intencionalidade, intentos de suplantar a identidade de persoas e institucións ou a manipulación de vídeos ou fotografías. Ademais, os seus vídeos deberán “falar tamén de por que funciona a desinformación e de estratexias e ferramentas para combatela”.
Colaboración de Ecos do Sur
Para a correcta abordaxe destes aspectos nos diferentes vídeos, á formación e recursos que lles traslada Dafonte na aula sumáronse dous seminarios virtuais con integrantes do equipo de comunicación de Ecos do Sur, unha ONG galega fundada en 1992 e que centra o seu labor na loita contra as desigualdades. Neste marco, traballa desde 2016 na prevención e abordaxe do discurso do odio en internet, a través da súa liña CibeRespect, unha iniciativa que recibiu o Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e o premio ás boas prácticas do Colexio de Traballo Social de Galicia e na que se insire a súa colaboración con proxectos formativos como este ApS.