O alumnado de Curtis participa nos obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas
luns, 24 de marzo do 2025
Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recalaron hoxe no IES de Curtis, onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO participou en dous talleres deste programa de alfabetización mediática, impartidos por Elena Martín Lores. Estas actividades formativas están a desenvolverse en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís liderada pola deputada Soledad Agra. No programa colabora a Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña.
Os talleres, desenvolvidos ás 8:30 e 12:30 da mañá, estiveron impartidos por Elena Martín Lores. Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine.
Contexto
O Colexio contextualiza estas actividades no imparábel aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital e en como esta marea de fake news está a danar “profundamente o xornalismo”, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes, sinala a entidade, engadindo que “na defensa da profesión queremos combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática”.
Grazas a estes obradoiros as rapazas e rapaces do IES de Curtis puideron, así, coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información. O obxectivo é “fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas”.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña.