O alumnado de ESDEMGA mergúllase nas posibilidades da impresión 3D no deseño téxtil

venres, 2 de febreiro do 2018 Redacción

O alumnado de ESDEMGA (Campus de Pontevedra) achegouse esta semana ao potencial da impresión 3D para o deseño téxtil. Foi no transcurso dun obradoiro impartido polos artistas e investigadores Alberto Valverde e María Castellanos, nos que se lles aprendeu aos estudantes cousas como usar unha tecnoloxía destas características para crear formas directamente sobre tecidos, unha función que é posíbel grazas ao prototipo de impresora que o tecnólogo Valverde desenvolveu pensando no deseño de moda. Os participantes no obradoiro tiveron ocasión de descubrir a longa listaxe de vantaxes que se abre na creación téxtil coas tecnoloxias 3D. Por exemplo, agora é posíbel crear un deseño in situ sobre unha prenda.
O enxeño desenvolvido por Valverde, feito a partir dun modelo de impresora 3D de código aberto, é un prototipo “moi experimental” que, polas súas dimensións e por contar cunha superficie de impresión ríxida, permite traballar con pezas de tea de maior tamaño que os modelos convencionais.
O achegamento ao funcionamento destes dispositivos e aos programas informáticos de deseño centrou o inicio deste taller dirixido ao alumnado da dita escola e do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, xunto coa presentación, por parte de Castellanos, dunha serie de exemplos de traballos realizados con estas tecnoloxías no mundo da moda. No obradoiro, que prosegue hoxe, as e os asistentes poden tamén experimentar o comportamento deste novo equipamento da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes.

PUBLICIDADE