O alumnado de Enxeñaría Aeronáutica ponse ao día en materia de drons

luns, 21 de maio do 2018 Redacción

Esta semana celébrase na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense a segunda edición unha actividade formativa que empraza aos nosos estudantes nun relevante chanzo de capacitación en materia de drons. Trátase do curso Introdución aos sistemas aéreos non tripulados, no que participa unha vintena de persoas, sobre todo alumnado da devandita escola ourensá. O obradoiro, entre outras cousas, brinda un achegamento aos múltiples detalles que se derivan do uso dos drons, esculcando nas súas posibilidades profesionais e poñendo o foco en tres cuestións clave: a súa enxeñaría, as operacións que se poden facer con estas aeronaves e a súa aplicación en diferentes sectores.
O docente que imparte o curso é Higinio González Jorge, doutor da Área de Xeodesia e Teledetección da Universidade de Vigo e piloto certificado de drons dende o ano 2014 con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como operación con diversos sistemas aéreos non tripulados. González Jorge repite por segundo ano como responsábel desta formación salientando “os bos resultados” acadados ata o de agora.
Os contidos do curso, de 25 horas de duración, están divididos en dúas partes. Unha primeira ten un carácter principalmente teórico e consta de módulos de introdución e conceptos xerais; de enerxía, propulsión e control; de subsistemas de sistemas aéreos non tripulados e de aplicacións dos sistemas aéreos non tripulados.
A segunda parte ten unha faciana máis práctica e nela levaranse a cabo módulos de especificacións técnicas de sistemas aéreos non tripulados e planificación de voo fotogramétrico e procesamento de datos. Ademais, os participantes achegaranse nesta parte aplicada ao uso de Arduino para drones e realizarán por último unha visita de estudos ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas o mércores pola mañá, visita na que asistirán ao acto de presentación do Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que ofrecerán (de maneira conxunta) as universidades de Vigo e Santiago de Compostela o vindeiro curso académico.

PUBLICIDADE