O alumnado de TahumeX remata con éxito a súa formación en competencias tecnolóxicas

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

O alumnado do Obradoiro de Emprego TahumeX, impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira para fomentar a capacitación e a formación laboral das persoas desempregadas dos territorios, rematou con éxito a formación destinada a mellorar os seus currículos con coñecementos tecnolóxicos avanzados: o Módulo de Alfabetización Informática.
As sesións desenvolvéronse na Aula CeMIT de Ribeira. A concelleira de Emprego de Ribeira, Veva Betanzos, foi a encargada de entregar aos estudantes de TahumeX cadanseu diploma. Foi, sinalou, “unha aprendizaxe fundamental para o alumado que conta coas ferramentas básicas para mellorar as súas competencias dixitais; unha vantaxe máis do Obradoiro de Emprego dos Concellos de Ribeira e Porto do Son”.
Como lembraremos, Tahume é unha iniciativa dos Concellos de Porto do Son e Ribeira para impulsar o inserción laboral na contorna destes municipios do Barbanza. Inclúe nesta edición as especialidades de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Traballos de Carpintería e Moble. Este obradoiro laboral é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha achega de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.
Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibirá formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibirá formación específica para a súa preparación e obtención.