O alumnado de catro centros educativos ourensáns recibe os carnés de ciberexpert@s

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

Este martes 17 de xuño o subdelegado do Gobierno en Ourense, Eladio Santos, fixo entrega dos carnés de ciberexpert@s ao alumnado de sexto de primaria CEIP Plurilingüe Seixalbo, CEIP As Mercedes, CPR A Purísima e CPR Maristas Santa María, todos eles pertencentes á cidade das Burgas. Os distintivos, incluídos no Plan Director do Goberno, proban que os e as escolares atenderon os consellos facilitados pola Policía Nacional para navegar de forma segura na Rede.
Santos instou a fomentar “a conciencia dixital” entre nenos e mozos mediante iniciativas como a dos carnés ciberexpert@s. “Vivimos nunha era na que a tecnoloxía está nas nosas mans desde idades moi temperás, pero sabemos que Internet ten moito riscos e temos que estar preparados e preparadas para enfrontalos. Por iso son tan importantes programas como este", destacou.
O alumnado foi acreditado co carné ciberexpert@ tras superar os cursos de ciberseguridade incluídos no Plan Director e impartidos pola Policía Nacional para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos. "O Goberno de España está comprometido coa protección da infancia e a adolescencia na contorna dixital, polo que é fundamental seguir apostando por iniciativas que eduquen e sensibilicen neste ámbito", subliñou Eladio Santos, que felicitou aos centros educativos e á Policía Nacional, encargada de impartir as charlas e facer as actividades do Plan Director na cidade de Ourense. Tamén se dirixiu ao alumnado para aplaudir a súa implicación na iniciativa. "Agora sodes embaixadores do uso responsable das novas tecnoloxías e estou seguro de que saberedes poñer en práctica todo o aprendido", sinalou.
Programa ciberexpert@s
Este programa inclúese dentro do Plan Director, unha iniciativa do Ministerio do Interior que busca previr calquera risco que afecte a seguridade e ao benestar dos e das menores, tanto na escola como na súa contorna. O programa contén diversas actividades nas que os alumnos e alumnas aprenden a navegar dunha forma segura nas redes sociais. A Policía Nacional encárgase de formalos nos ámbitos do ciberacoso, o grooming, a suplantación de identidade ou as adiccións, entre outros.
Ademais, as actividades tamén van dirixidas á súa contorna familiar, facilitando aos titores ferramentas para facer un uso responsable das redes sociais e unha navegación segura.