O alumnado do CPI Domingo Fontán inaugura un xogo dixital sobre cooperación e desenvolvemento

xoves, 5 de decembro do 2024 S. P.

A Coordinadora Galega de ONGD activou este xoves 5 de decembro un xogo dixital no marco do programa Somos Ponte e que consiste nun reto de preguntas e respostas que permite coñecer o mundo que nos rodea a través da cooperación e o desenvolvemento. O xogo Ponte ao Día! desenvolveuse en colaboración coa Deputación de Pontevedra no marco do programa Somos Ponte.
Ponte ao Día! Estreouse no CPI Domingo Fontán (Portas, Pontevedra) como parte duns obradoiros de sensibilización que se enmarcan tamén no programa Somos Ponte.
O trivial dixital (que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolveu en colaboración coa Deputación de Pontevedra) está xa aberto para quen desexe xogar e ofrece a posibilidade de participar nun sorteo.
Concretamente participaron na partida inaugural os cursos de primeiro, segundo e terceiro da ESO, resolvendo preguntas diversas: cantas persoas falan suahili no mundo, que significa ser defensoras de dereitos, que é un huipil, que significan as siglas ONGD ou que implica o comercio xusto.
Tralas súas partidas, o xogo quedou aberto ao público de tal xeito que calquera persoa pode entrar xa nel e xogar.
Ponte ao Día! ofrece modalidade de xogo individual e colectivo, así como dous niveis de dificultade. A súa dinámica consiste en formular unha pregunta e tres posíbeis respostas, así como unha explicación sinxela coa que ampliar coñecementos que gardan relación con organizacións galegas, países do Sur Global ou coa implicación da Deputación de Pontevedra coa cooperación ao desenvolvemento.
Ao final da partida, que consta de cinco preguntas, o xogo ofrece á usuaria unha estimación de acertos e erros, pero ademais, durante varios días ofrecerá a posibilidade de rexistrarse para participar nun sorteo de Nadal, consistente nunha cesta de agasallos.
Ponte ao Día! é unha das propostas da segunda edición de Somos Ponte, un programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD leva a cabo en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
O seu lema, Compromiso local, xustiza global, trasládase tamén a esta cesta, cuxos produtos responden a un criterio de responsabilidade social coa nosa contorna e de aposta polo comercio xusto e sostíbel coas produtoras de países empobrecidos. Así, quen gañe o premio terá varios agasallos elaborados polas usuarias das asociacións pontevedresas Lenda Saúde Mental e Alba, ademais dun lote variado de produtos de comercio xusto.
O xogo dixital Ponte ao Día! segue o obxectivo do programa Somos Ponte de divulgar a importancia da cooperación ao desenvolvemento -con especial interese na que se impulsa dende a provincia- e de visibilizar o que une a Pontevedra cos países do Sur Global. Desta volta apostando por un compoñente lúdico e un formato dixital, capaz de chegar a un público máis amplo, que completa outras actividades desenvolvidas no marco deste programa de sensibilización, como é o caso dos obradoiros escolares celebrados este xoves 5 de decembro en Portas por Solidariedade Internacional ou o celebrado recentemente no CEE de Panxón, da man da organización Amigas da Terra, que vinculou a unha proposta de cociña sostíbel aspectos relacionados coa soberanía alimentaria que traballa en diversas comunidades do Sur Global. En total, un cento de escolares de 1º, 2º e 3º da ESO participaron nestas propostas de sensibilización vinculadas a cooperación ao desenvolvemento e Dereitos Humanos.