O alumnado do Centro de Formación Audiovisual de Lugo enche as redes de vídeos contra a violencia machista

xoves, 26 de novembro do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo conmemorou nas redes a loita contra o machismo, con motivo do Día contra a Violencia de Machista (este 25 de novembro). Fíxoo en estreita colaboración co alumnado do Centro de Formación Audiovisual (dependente da entidade lucense) e as persoas residentes dos catro centros de maiores provinciais. O programa de actividades incluíu unha fogueira en homenaxe ás vítimas, actuacións musicais e a subida ás redes sociais dunha serie de vídeos para “visualizar, concienciar e loitar contra a violencia machista”. A comunidade de usuarios das residencias participou en parte dos audiovisuais recitando estrofas da obra Poema á muller galega, de Manuel María.
Así mesmo, a Deputación, o Concello de Lugo e a Subdelegación do Goberno reivindicaron o remate das violencias machistas nun acto conxunto que consistiu nun minuto de silencio, a lectura dun manifesto e a solta de globos en recordo das mulleres asasinadas.
Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social, destacou a “importancia destas actividades que contribúen a concienciar á cidadanía a través dos máis novos e as persoas maiores”. Fíxoo durante a súa visita ao Centro de Formación Audiovisual (CFA) durante os últimos preparativos das actividades. Os estudantes de 1º de Produción foron os encargados de idear, organizar e elaborar o material de todas as actividades, que tiveron que adaptarse á actual situación sanitaria, co obxectivo de “cumprir escrupulosamente con todas as medidas de seguridade”.
Os vídeos
A programación arrancou o martes coa publicación de tres vídeos, que poden verse nas redes sociais do Servizo de Audiovisuais (antiga Fundación TIC da Deputación). Estes traballos, elaborados nas últimas semanas polo alumnado coa participación dos actores Anxo Fernández, María Pichín e Lucía Parga, teñen por obxectivo “visualizar, concienciar e loitar contra a violencia machista”. No primeiro deles, as e os estudantes fan un chamamento aos medios de comunicación sobre as consecuencias que a actual pandemia sanitaria está a ter ao ocultar graves problemas sociais como a violencia machista; noutro dos vídeos, sobre o ciclo da violencia machista, amósase a evolución dunha parella na que a muller é a vítima; e por último, no terceiro audiovisual o alumnado representa a actitude dos sectores negacionistas ante feitos evidentes.
Pola súa banda, os usuarios e usuarias das catro residencias de maiores da Deputación tamén se sumaron aos actos polo 25N. Concretamente, gravaron audiovisuais recitando estrofas da obra Poema á Muller Galega, de Manuel María. Con todo ese material, o Servizo de Audiovisuais da institución provincial elaborará unha peza para que os residentes dos centros de maiores de Trabada, A Fonsagrada, Pol e Ribadeo a teñan para o seu recordo.

PUBLICIDADE