O alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso visitou a sede do CITIC
martes, 21 de maio do 2024
Na mañá deste luns 20 de maio o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu a visita dunha vintena de alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal, en Ponteceso. O grupo, formado por alumnado de 3º e 4º da ESO, forma parte do Club de Ciencias do centro educativo. A visita comezou coa presentación das liñas de traballo e dos obxectivos do CITIC, na que se debullou ante a mocidade asistente a estrutura e funcionamento do centro, poñendo o foco nos equipos de investigación e achegando algunhas explicacións sobre as instalacións.
No Demostrador Tecnolóxico os alumnos e alumnas coñeceron a NAO, o robot humanoide capaz de facer demostracións de bailes ou exercicios, e probaron as lentes de Realidade Aumentada que periten facer debuxos que interactúan co espazo real.
No museo dedicado á historia dos videoxogos xogaron ao Mortal Kombat na máquina SEGA Blast City, que data do ano 1996. Tras isto, pasaron polo Laboratorio de Impresión 3D, onde aprenderon sobre o funcionamento e as diferentes impresoras 3D das que dispón o CITIC.
Xa na Sala de Realidade Virtual explicóuselles o funcionamento do OptiTrack, o sistema de captura de movemento instalado, e probaron diferentes simulacións coas gafas 3D.