O alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo visita a mostra dixital de Castelao

luns, 15 de setembro do 2025 S. P.

O conselleiro de Cultura e Lingua e Xuventude, José López Campos, animou aos estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires a manter vivo o legado de Castelao na Arxentina, “país no que nunca deixou de difundir e expandir o seu amor pola lingua, cultura e a terra galegas”. Así llelo transmitiu este luns 15 nun encontro na Cidade da Cultura co alumnado, que está a realizar unha viaxe de estudos á Comunidade para coñecer lugares de especial interese patrimonial e natural, así como as principais institucións culturais galegas. Tamén tiveron oportunidade de coñecer a exposición interactiva de Castelao, no Gaiás, precisamente.
O titular de Cultura do Goberno galego, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, lembroulle a vintena de rapaces e rapazas deste centro bonaerense que a súa visita a Galicia coinciden coa celebración do Ano Castelao, co que a Xunta está a conmemorar o 75 aniversario do falecemento dunha das figuras máis senlleiras da cultura e intelectualidade de Galicia.
Salientaon o “importante papel de defensor e difusor universal da cultura e linguas galegas que desenvolveu Castelao e, dun xeito especial, na Arxentina”, en referencia aos fortes vencellos con este país, onde pasou os últimos anos da súa vida “sen desfalecer en ningún instante o seu galeguismo practicante, cuns valores imperecedoiros que vos animo a seguir mantendo acesos”.
Visita á Castelao. Mirar por Galicia
As e os estudantes, con idades comprendidas entre os 17 e 18 anos de idade, tiraron proveito da súa estancia na Cidade da Cultura de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia para visitar a exposición virtual Castelao. Mirar por Galicia. Trátase dunha das actividades da programación do Ano Castelo para difundir a súa figura e a súa obra facendo uso da Intelixencia Artificial e que permite interactuar cunha recreación hiperrealista do artista. A mostra pasa por ser “o primeiro proxecto galego de arte dixital que recupera a figura dunha personaxe histórica emblemática da nosa cultura con Intelixencia Artificial e cun amplo abano de tecnoloxías dixitais que inclúen hologramas, videomapping ou Realidade Virtual”.
Un dos puntos destacados desta exposición é unha instalación inmersiva con videomapping e son cadrafónico dentro dun gran cubo de papel. Neste espazo, as persoas visitantes terán a oportunidade de volver escoitar a voz de Castelao, grazas a un traballo de recreación da mesma con tecnoloxía de IA xerativa a partir do único rexistro sonoro conservado: a mensaxe, en castelán, que el mesmo gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941.
O arquivo, conservado polo Consello da Cultura Galega, someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha Intelixencia Artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz, combinándoo co traballo de locutores profesionais a partir de textos de publicacións como Cousas, Sempre en Galiza, Alba de Gloria ou o Diario 1921.
A mostra Castelao. Mirar por Galicia poderá visitarse na Cidade da Cultura desde a tarde do 26 de xuño ata o 11 de xaneiro de 2026, con acceso libre e de balde, e contará no vindeiro curso cunha oferta didáctica destinada aos centros de ensino.
Dende 1998
Cómpre lembrar que o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo puxo en marcha o seu primeiro ciclo lectivo en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina e, desde entón, foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis de infantil, primaria e secundaria. Desde o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado.
O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia. Ademais, o centro conseguiu hai dous meses converterse en Centro de Convenio, dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha categoría que o Goberno central levaba 15 anos sen outorgar.