O alumnado do Servizo de Audiovisuais de Lugo adéstrase en emisións streaming no campionato de baristas de Foz

luns, 11 de febreiro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo vai dar un novo paso para formar á mocidade na creación e distribución de contidos audiovisuais e dixitais. E farao esta mesma semana, entre o 13 e o 15 de febreiro, a través do Servizo de Audiovisuais da Deputación e no marco do XII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o VII Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería e o VII Campionato Internacional de Baristas Profesionais que organiza o IES de Foz. O devandito Servizo de Audiovisuais, co seu alumnado e co seu corpo docente profesional, será o encargado de retransmitir en directo os ditos eventos entre os días 13 e 15 de febreiro.
Así o deu a coñecer hoxe o presidente provincial, Darío Campos Conde, no acto de presentación destas xornadas coas que colabora a entidade lucense, no que concreto que serán os estudantes de realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, os encargados do streaming. Esta actividade, apunta, constata o mantemento da “frutífera colaboración” mantida durante dez anos entre a Fundación TIC da Deputación, precedente do Servizo de Audiovisuais, e o instituto mariñán.
Durante a presentación, Campos Conde estivo acompañado polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio, o profesor Marcos Santamaría e os alumnos José Miguel Bodenlle e Francisco José García, que representarán ao centro focense nos Campionatos Internacionais de Baristas e de Catas de Cafés de Escolas de Hostalaría.
Darío Campos salientou que “a colaboración vai máis aló do ámbito formativo, xa que grazas a esta emisión, daremos proxección nacional e internacional tanto ao concello de Foz como ás competicións”. Tamén destacou que este ano participan 13 escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Castela e León, e 14 profesionais de gran nivel, algúns deles saídos do centro de Foz.
Como dixemos ao principio, a emisión en directo das ditas probas servirá como escenario de prácticas reais para as alumnas e alumnos de segundo de Realización, que empregarán catro cámaras e rotarán por todos os postos necesarios para unha retransmisión por streaming: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización e realización. A idea da Deputación e do seu Servizos de Audiovisuais e proporcionarlles unha contorna que reproduza, punto por punto, todos os desafíos aos que van ter que enfrontarse cando asuman un posto profesional.

PUBLICIDADE