O alumnado do obradoiro dual O Porriño Eco-Necta desenvolverá a aplicación móbil municipal
martes, 28 de abril do 2026
O Concello do Porriño deu un novo paso en materia de formación profesional e a inserción laboral coa posta en marcha do novo obradoiro dual de emprego O Porriño Eco-Necta. Este proxecto, que conta cun investimento de 454.552 euros concedidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración , permitirá que 20 veciños e veciñas do municipio accedan a un contrato de traballo de nove meses mentres se forman en sectores con alta demanda.
Un dos piares fundamentais deste obradoiro será a especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Desde o Goberno local destacan o impacto positivo que esta formación terá nas parroquias. Os alumnos-traballadores realizarán tarefas esenciais para a seguridade e o mantemento do contorno, tales como limpeza e accesibilidade e prevención de incendios.
Ademais da vertente forestal, o obradoiro inclúe a especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, na que outros 10 alumnos traballarán na creación dunha nova aplicación municipal para mellorar a comunicación directa entre a cidadanía e o Concello. Esta vertente do obradoiro dual busca achegar novas tecnoloxías que poñer ao servizo da cidadanía ao tempo que se achega formación laboral de utilidade para as persoas participantes.
O proxecto arrancará oficialmente o vindeiro 1 de xuño de 2026. Todas as persoas interesadas en participar neste programa formativo e de emprego poden acudir xa á oficina de emprego para solicitar a súa inscrición ou verificar que figuran como demandantes nas especialidades mencionadas.
“Con esta iniciativa, O Porriño non só ofrece unha oportunidade de futuro a persoas en desemprego, senón que inviste no coidado do noso patrimonio natural en todas as parroquias e na modernización dos servizos municipais”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.
