O alumnado participante no Campamento Mática mergúllase nas tecnoloxías da man da FIC e do CITIC

xoves, 1 de xullo do 2021 S. P.

Ao abeiro das actividades do Campamento Tecnolóxico Mática, impulsado pola axencia AMTEGA e o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) en colaboración coas tres universidades galegas, estes últimos días de xuño as e os participantes no mesmo participaron en diversos obradoiros e charlas na Facultade de Informática da UDC (os días 28, 29 e 30), coordinados polas investigadoras do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) Susana Ladra e Aida Vidal, responsábeis da iniciativa na UDC. O campamento vai destinado a fomentar as vocacións tecnolóxicas das nosas rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.

Amais, as e os participantes no Campus da UDC visitaron o CITIC en dous grupos o mércores 30 de xuño para coñecer o centro e as súas capacidades, así como diferentes proxectos de investigación, da man do responsábel da área de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro.
A visita comezou cunha presentación do CITIC na sala Cloud. Posteriormente, coñeceron o Centro de Proceso de Datos (CPD) e o Demostrador Tecnolóxico, onde lles foron mostrados diferentes proxectos de investigación desenvolvidos desde o CITIC. Tamén tiveron a oportunidade de probar as lentes de Realidade Virtual con escenarios virtuais que se están a realizar no centro.

A iniciativa Mática ten o obxectivo de crear unha rede entre mozas con interese no TIC como creadoras e desenvolvedoras de tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, achegando información que lles permita decidir a súa futura carreira profesional.
Ademais, estas actividades proporcionan coñecemento de mulleres no sector TIC, xa que todas as accións están coordinadas por profesoras e investigadoras das universidades galegas.

PUBLICIDADE