O arquetipo de AMTEGA amplía coa súa liberación os nosos recursos para crear aplicacións

mércores, 14 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 252.6 KB
Parte do equipo de desenvolvedores na presentación do lanzamento da primeira versión do arquetipo en febreiro de 2017

Os días pasados a axencia AMTEGA deu un paso importante no aproveitamento dos recursos de seu e, a un nivel máis xeral, no reforzamento dos mecanismos propios do software libre (crear, compartir, reutilizar, enriquecer, etc) no eido das administracións. Estamos a falar da liberación do seu arquetipo corporativo, unha aplicación web que, nesta nova vida a disposición da comunidade de desenvolvedores, pode beneficiar a outras entidades públicas, organizacións ou particulares, amais de ampliar os recursos dos que dispón a comunidade para dar forma a aplicacións Java Spring Web. Para saber máis sobre o arquetipo, cuxo código fonte atópase dispoñíbel no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, na Forxa de Mancomún, tivemos ocasión de falar cun dos responsábeis da súa liberación, Pablo Paz-Trelles Sánchez, da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais de AMTEGA.

-En que consiste exactamente o arquetipo corporativo de AMTEGA? Para que nos entendan todos os lectores, de que estamos falando exactamente? Do esqueleto do sistema informático da axencia? Da súa imaxe dixital?
-O arquetipo pretende ser a base sobre a que se constrúen novos produtos software Java na AMTEGA, sendo un estándar que sirve de modelo de facto para os desenvolvementos de software da Xunta. O arquetipo é unha completa aplicación web construída coas tecnoloxías máis empregadas hoxe en día. Proporciona unha estrutura básica da que partir e un exemplo de como traballar sobre el. Inclúe a reutilización de numerosos aspectos transversais como pode ser a imaxe corporativa que comentades... pero tamén, a aplicación de estándares de desenvolvemento, tanto de carácter xeral como os propios internos da AMTEGA, infraestrutura básica (autenticación, log, persistencia, seguridade, ...) ou propio funcionamento nos servidores corporativos.

-Temos a impresión de que o software libre xa deixou de ser un ámbito revolucionario para integrarse no ADN propio do día a día das administracións e de boa parte das empresas. Credes que a liberación do arquetipo dun organismo público como o que se acaba de liberar sería posíbel hai uns cantos anos?
-Fai anos existía software potencialmente reutilizábel na Administración pero efectivamente era imposíbel compartir, xa non como software libre, senón de maneira interna. Afortunadamente, ao longo dos últimos anos impuxéronse os importantes beneficios técnicos da reutilización e compartición inherentes ao software libre, até o punto de dispoñer na actualidade de plans concretos para o seu impulso. Aínda así, non hai que descansarse e cómpre seguir avanzando, especialmente nos aspectos non técnicos enraizados no software libre que actualmente son os grandes descoñecidos.

-En termos concretos, de cousas que se poden ver e usar, que vantaxes ten o arquetipo para unha entidade, empresa ou usuario que decida tirarlle proveito?
-As principais vantaxes de partir dun arquetipo destas características son: homexeneizar o código nas aplicacións e a velocidade no desenvolvemento, especialmente nas primeiras etapas nas que o que se intenta, precisamente, é crear unha estrutura inicial que funcione nun determinado entorno. Máis polo miúdo, do arquetipo da AMTEGA aportaría ademais unha seguridade na súa evolución ao longo do tempo e a posibilidade de estender as súas capacidades mediante un sistema de plugins.

-Na información que recibimos sobre o ceibado deste software libre non se especifica o traballo que houbo detrás. Faládenos deste punto. Foi preciso moito labor preparativo para levar a cabo a liberación?
-
Para realizar a liberación traballamos en colaboración coa Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA a quen agradecemos o ternos facilitado moi boa parte do traballo. Respecto dos cambios a realizar indicarvos que coas tecnoloxías empregadas no arquetipo xa se respectaban bastante as características necesarias para a liberación polo que realmente non foi moito o tempo empregado, sendo o traballo principal realizado a eliminación da versión liberada de toda configuración sensíbel de AMTEGA no que a seguridade e infraestrutura se refire.

-Tendes preparadas próximas liberacións de software libre a maiores?
-O seguinte paso no que estamos traballando é liberar o arquetipo para o desenvolvemento de servizos web na AMTEGA que viu a luz a finais do ano pasado.

PUBLICIDADE