O audiovisual galego prepara 22 novos filmes subvencionados pola Xunta

luns, 6 de xullo do 2026 Redacción

Greta é o novo traballo de Algarabía Animación

A Xunta de Galicia adxudicou un total de 3,5 millóns de euros a 22 novos proxectos audiovisuais a través da convocatoria anual de subvencións á produción e coprodución. Nesta edición de 2026 resultaron beneficiarias sete longametraxes cinematográficas de ficción e animación, cinco longametraxes documentais, tres coproducións internacionais con participación minoritaria galega, seis curtametraxes e unha serie destinada á televisión e ás plataformas.
A resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta tanto a presenza feminina nos equipos dos proxectos seleccionados, con maioría de mulleres nas direccións e xefaturas de 15 deles, como o peso do galego como lingua de rodaxe. Así, o 96,7 % do importe concedido ás obras susceptibles de realizarse en versión orixinal galega corresponde a títulos rodados no noso idioma.
Esta liña de apoio do Goberno galego contribúe á posta en marcha de proxectos de ficción, animación, documental e creación seriada que suman un investimento subvencionable superior aos 12,5 millóns de euros. A convocatoria, resolta en réxime de concorrencia competitiva, busca fortalecer a capacidade produtiva do audiovisual galego, impulsar a actividade industrial e consolidar estruturas creativas e técnicas arredor de propostas con potencial de difusión tanto en Galicia como no exterior.
Dos 3,5 millóns de euros concedidos, 2.920.000 euros destínanse a obras en versión orixinal galega, o que supón que 17 dos 18 filmes que podían optar a esta condición se realizarán no noso idioma. Ademais, entre os proxectos beneficiarios figuran 11 directoras, responsables de seis longametraxes, catro curtametraxes e unha serie.

Longametraxes de ficción, animación e documentais

Álvaro Gago está a traballar en Porto Alegre

As longametraxes cinematográficas reciben 2.040.000 euros repartidos entre sete proxectos. Trátase dos dramas Adeus Berta, ópera prima de Fernando Tato; Os reis imaxinarios, debut na dirección de Eiré Cid; Porto Alegre, novo traballo de Álvaro Gago con guión compartido con Berta Dávila; Lucina, drama-thriller dirixido por Tito López Amado a partir dun guión de Rafa Russo; A raíz, de Noemí Chantada; Lito, de Jairo Iglesias; e a longametraxe de animación Greta, unha comedia infantil en stop motion dirixida por Virginia Curiá.
As cinco longametraxes documentais seleccionadas recibirán conxuntamente 580.000 euros. Son Despois da eclipse, de Alba Prol; Notas entre silencios, proposta experimental de Fon Cortizo; Lebrescura, de Xacio Baños; Cando maduren os tomates, proxecto colaborativo da directora novel Hadriana Casta; e Alan Lomax andou por aquí, centrado na viaxe musical do etnomusicólogo estadounidense e dirixido por Borja Casal e Saúl Rivas.
As coproducións internacionais con participación minoritaria galega contarán con 480.000 euros para tres longametraxes: O que resta, do director portugués André Guiomar, coproducida por Zeitun Films e Olhar de Ulisses; Tres días noutra cidade, drama da realizadora portuguesa Susana Nobre coa participación galega de Filmika Galaika; e Vila pequeña (Pueblo Chico), filme de animación coproducido con Brasil, Uruguai e Italia, con Chelo Loureiro como produtora executiva.

Curtametraxes e series

Hai poucos días botou a andar a gravación de O asasino do pelo roxo

As seis curtametraxes beneficiarias recibirán 20.000 euros cada unha, ata un total de 120.000 euros. As obras apoiadas son O navegante son eu, documental experimental dirixido por Coral Piñeiro; Wólfram, de Ana Gil, centrada na memoria familiar e mineira; Unha bágoa, curta de animación de Martín Romero; A pequena cacola, tamén de animación, dirixida por David Fidalgo; Elena vive dentro dun espello, drama de Alba Pino; e Bailar en novembro, proposta de drama e fantasía escrita e dirixida por Amanda Seijas.
A resolución complétase coa concesión de 280.000 euros á serie O asasino do pelo roxo, baseada nunha idea orixinal de Zaza Ceballos. O guión está asinado por Lidia Fraga, Pablo Tobías e Virginia Yagüe, mentres que a dirección correrá a cargo de Inés Pintor. A produción realizarase en versión orixinal galega e rodarase en localizacións de Santiago de Compostela e a súa contorna.
Con esta convocatoria, integrada nun investimento global de 8 millóns de euros en subvencións ao sector durante este ano, o Goberno galego mantén o seu apoio á produción audiovisual como un dos eixos estratéxicos das industrias culturais, favorecendo a diversidade de formatos, o uso da lingua galega, a incorporación de novas autorías e o fortalecemento dun tecido profesional capaz de xerar actividade económica, emprego cualificado e proxección cultural.