O baloncesto feminino estará presente en NBA Live 18
xoves, 3 de agosto do 2017
A
franquía de NBA 2K conseguiu un nivel
de calidade tan elevado que o seu principal competidor, EA Sports, tivo que
tirar a toalla en 2012, cancelando o
lanzamento de NBA Live 13¸ e
aínda que nos últimos anos houbo varias entregas de NBA Live, practicamente resultaron invisibles para o xogador medio,
e incluso o ano pasado puidemos ver como NBA
Live 17 adiaba o seu lanzamento para converterse no que será NBA Live 18, título que vai
telo moi complicado para poder destacar, de aí que resulte curioso que este
xogo de baloncesto siga
os pasos de FIFA 16 e incorpore a modalidade feminina
da competición.
Dende a WNBA confirmaron que en NBA Live
18 para Xbox One e PlayStation 4 estarán dispoñibles os equipos da liga feminina
de baloncesto profesional, procurando reflectir o estilo de xogo e as
habilidades das súas xogadoras dentro de WNBA
Play Now, no que será
a primeira vez na que a WNBA estea presente de xeito oficial nun videoxogo.
Para poder introducir a WNBA no novo xogo de EA Sports foi preciso dixitalizar
as cabezas de figuras como Maya Moore, Brittney Griner, Diana Taurasi, Tina
Charles, Sylvia Fowles, Allisha Gray, Chelsea Gray, Jonquel Jones e Alyssa
Thomas e capturar os seus movementos en numerosas sesións, para así conseguir
reflectir de xeito fiel o xogo real na pantalla da consola de videoxogos.
NBA Live 18 non só terá a WNBA como
novidade, senón que tamén integrará cambios como un maior control do xogador
con mecánicas de un contra un, un sistema de dribling, movemento máis real para mellorar a defensa, novos
movementos no contorno da canastra, transicións baseadas na física... e incluso
novas formas de xogar como un modo carreira chamado The One. Tampouco faltarán os modos franquía (no que administrar un
equipo) e Ultimate Team.
Tráiler de NBA Live 18 no que anuncian a incorporación da WNBA ao xogo de EA Sports