O buque Heroínas de Sálvora presentado este venres nas Palmas poderá operar con drons

venres, 5 de xullo do 2024 S. P.

O ministro de Transportes e Movilidad Sostenible, Óscar Puente, presentou este venres 5 de xullo, en Las Palmas de Gran Canaria, o que sería, en palabras do Goberno, “o buque máis grande, moderno e versátil da frota de Salvamento Marítimo“. Trátase do Heroínas de Sálvora, cuxo nome rende homenaxe ás mulleres da dita illa ribeirense que salvaron a 56 persoas das que viaxaban no correo Santa Isabel, afundido na bocana da ría de Arousa en 1921. Na nova embarcación investiuse a histórica cifra de 53,6 millóns de euros (IVE incluído). En palabras de Puente, o buque “confirma o compromiso do Ministerio e do Gobierno coa seguridade no mar e a modernización dos medios da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, SASEMAR)”. Na presentación tamén participou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e máis o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
“Trátase do mellor buque da frota do noso país destinado a garantir a seguridade marítima e loitar contra a contaminación nos nosos mares. Outro exemplo da aposta decidida deste goberno por modernizar os medios cos que conta SASEMAR”, asegurou o ministro durante a presentación, engadindo que estamos ante un buque polivalente que xunta as funcións que encomendadas a SASEMAR: a procura e o rescate en naufraxios, o remolque de embarcacións avariadas, a extinción de incendios nos buques ou a loita contra verteduras contaminantes na mar.
Tamén dixo que se trata da primeira embarcación civil de salvamento do mundo deseñado especificamente para operar con drons e conta con tecnoloxía en consumo enerxético ECO para reducir as emisións, un reto co que está especialmente comprometido este Goberno.
Durante o acto Puente tamén estivo acompañado polo director xeneral de Mariña Mercante, Gustavo Santana, e o director de Salvamento Marítimo, José Luis García Lena.
Plan Nacional de Salvamento
Para cumprir co obxectivo de modernizar SASEMAR, sociedade dependente do Ministerio, púxose en marcha o Plan Nacional de Salvamento 2021-2024, que ten entre as súas liñas máis importantes a modernización dos medios para dar un servizo máis eficaz e eficiente. O Heroínas de Sálvora súmase á frota que hoxe opera en Canarias: 10 embarcacións de rescate tipo Salvamar e 4 patrulleiras de salvamento tipo Guardamar, das 5 coas que contamos en toda España.
O ministro destacou a importancia dos centros operativos de Santa Cruz de Tenerife e As Palmas para coordinar a operativa dos recursos, que inclúen helicópteros, e a súa localización estratéxica que permite reducir ao máximo o tempo de resposta e ampliar o radio de cobertura da súa actividade.
O buque Heroínas de Sálvora, que agora entra en servizo, terá a súa base no centro de coordinación das Palmas, que está previsto que se traslade en setembro a unhas novas e modernas instalacións para seguir realizando a vixilancia da mar e o control de buques.
No contexto de reforzar SASEMAR para facilitar o seu servizo público, Óscar Puente anunciou que se está planificando o investimento en novas embarcacións de tipo Guardamar e Salvamar, así como nun helicóptero de gran porte.
Esta aposta pola modernización de Salvamento Marítimo tamén se traslada aos recursos humanos onde, segundo o ministro, “incrementamos de 3 a 4 os tripulantes das Salvamares en Canarias e hoxe temos nestas illas 295 traballadores, case o 20% do persoal total”, ao que engadiu que “contamos con marxe de manobra para reforzar o dispositivo no caso de que os rescates aumentasen”.
Novo buque Heroínas de Sálvora
A fabricación do novo buque Heroínas de Sálvora presentado este venres 5 de xuño supón “un gran fito dentro do Plan Nacional de Salvamento”, explicou o ministro, engadindo que a súa construción realizouse en España, en concreto no estaleiro Zamakona en Santurtzi. Ten 82,35 metros de eslora e 18 m de manga, cunha tonelaxe bruta de 3.996 toneladas e unha potencia instalada de 14.860 kW/KW. Para traballar cos drons, esta nova embarcación inclúe unha cuberta de voo para vehículos aéreos e marítimos non tripulados de ata 9 metros e un hangar con capacidade simultánea para dous drons, co que se mellora a capacidade de manexo de todas as situacións ás que se fai fronte en Salvamento Marítimo.
Tamén, é un barco que aposta pola sustentabilidade, xa que incorpora tecnoloxía seco e propulsión diéseis eléctrica e conexión eléctrica a porto para reducir as emisións da súa actividade.
A súa tripulación compóñena 16 persoas e dispón dunha zona de habilitación con capacidade para outros 24 técnicos para cando actúe como base en operacións especiais. Ademais, conta con 14 modos de operación en propulsión diéseis-eléctrica; catalizadores para reducir óxidos de nitróxeno; planta de tratamento da auga de lastre (que estabiliza o buque); climatización con gas refrixerante de baixa emisión e conexión eléctrica a porto.
Todo iso, segundo o ministro, “cun obxectivo único: cumprir de forma eficaz e sostible coa súa misión e garantir, ademais, unha volta a terra segura de todas as persoas que traballan na mar ou realizan actividades turísticas, de recreo acuático e de transporte de mercadorías”.
Homenaxe ás heroínas de Sálvora
O nome do novo buque supón unha homenaxe ás catro heroínas galegas de Sálvora: María Fernández; Cipriana Oujo; Josefa Parada; e Cipriana Crujeiras. Catro mulleres que, en 1921, na illa ribeirense de Sálvora, conseguiron salvar a 56 persoas das que viaxaban no correo Santa Isabel.
Para iso, utilizaron unha pequena embarcación coa que realizaron varias viaxes no medio do temporal cando o Santa Isabel afundíu, nun accidente que foi o maior naufraxio producido en Galicia.