O bus urbano de Vigo intégrase en Google Maps

luns, 27 de abril do 2026 S. P.

A semana pasada o Concello de Vigo informou da incorporación do servizo de bus urbano a Google Maps. O alcalde Abel Caballero engadiu que con esta novidade actívase o cálculo de rutas do transporte urbano vigués “na plataforma de navegación máis utilizada no mundo” e que a partir de agora as persoas que queiran viaxar dun punto a outro da cidade xa poden planificalo comodamente con Google Maps.
“O bus urbano de Vigo intégrase plenamente nesta plataforma que calcula rutas óptimas, estima tempos de chegada e ofrece transbordos detallados”, sinalou.
Caballero lembrou que esta ferramenta xa estaba dispoñible na aplicación móbil Vigo, pero celebrou a chegada a Google Maps porque con esta incorporación amplíanse as opcións tanto á cidadanía de Vigo como ás persoas que visitan a urbe.
O alcalde lembrou tamén que o sistema de algoritmos do servizo de xeolocalización de Google favorecer accións como o calcular rutas óptimas, estimar tempos de chegada e achegar transbordos detallados: “Fai máis doado o uso do autobús urbano aos usuarios habituais pero tamén ás persoas que empregan o servizo de xeito ocasional, e tamén facilita a mobilidade dos visitantes que chegan á cidade que xa polos seus desprazamentos soen estar afeitas ao uso de Google Maps como plataforma referente”.