O buscador AOL, considerado por McAfee como un dos máis seguros da Rede

martes, 12 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Segundo un estudo levado a cabo pola firma McAfee, os rastrexos feitos por Internet poden resultar perigosos para a seguridade informática incluso cando se trata de termos aparentemente inofensivos como poden ser os relacionados con personaxes da nenez. Na investigación foron avaliados os riscos que leva consigo o rastrexo de 2.500 termos a través dos cinco principais motores de busca na Rede: Google, Yahoo!, MSN, AOL e Ask.com.
O devandito informe pon de manifesto que o 4,4% dos resultados que ofrecen estes buscadores conduce a sitios “perigosos”, estimando como “perigosos” os sitios que dan lugar a fraudes, a descargas non solicitadas de ficheiros con virus, a webs con metralla de xanelas pop-up, a programas espía ou a aqueles que ligan con outros sitios que albergan virus ou outras ameazas para o usuario.
McAfee asegura que dos cinco buscadores máis empregados na actualidade polos internautas, AOL é o máis seguro, con tan só un 3,6% de resultados de risco, mentres que Yahoo! é considerado o máis perigoso, debido a que o 5,1% dos rastrexos que xera este poden comprometer a seguridade do usuario.
A cotío, as buscas que conteñen a palabra “gratuíto” dan como resultado sitios con alto contido pernicioso e os termos máis nocivos para a saúde informática son: free screensaver (“protectores de pantalla gratuítos”), free ringtones (“tons de teléfono gratuítos”) ou Kazaa, o sitio de balde de intercambio de ficheiros.

PUBLICIDADE