O buscador web de ChatGPT está dispoñible de balde

martes, 17 de decembro do 2024 Marcus Fernández

No mes de outubro OpenAI comezou a ofrecer aos clientes de pagamento de ChatGPT a posibilidade de empregar esta plataforma conversacional a xeito de buscador de contidos na web, achegando tanto as respostas ás consultas realizadas como ligazóns para coñecer as fontes, de xeito que podemos contrastar as respostas e acceder ao contido en profundidade.
Agora xa non é preciso pagar para gozar desta nova funcionalidade, e calquera cliente de ChatGPT pode premer na icona do chat que activa a experiencia de busca na web, conseguindo así resumos de respostas ás nosas preguntas, achegadas de páxinas web e enriquecéndose con fotografías e vídeos de YouTube cando corresponda.
O buscador de ChatGPT funciona cunha versión afinada de GPT-4o e tanto pode realizar buscas xenéricas como acceder a información sobre novas, resultados deportivos, cotizacións bolsistas e outras informacións de interese, e tal é a confianza que dende OpenAI poñen neste novo servizo que incluso ofrece unha extensión para Chrome que permite utilizar esta opción de busca como a predeterminada no navegador web.