O campamento da Tecnópole mostrará como pilotar con simuladores de voo e como construír drons
mércores, 15 de maio do 2024
O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) promove un ano máis a XII edición do campamento tecnolóxico de verán T2W (Tecnópole Technological Workshops). Realízase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Esta iniciativa forma parte da aposta de Tecnópole pola “divulgación científica de calidade entre os máis novos”.
Diríxese a un total de 80 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, de 6º de Primaria a 2º de Bacharelato (40 en cada quenda). Haberá unha primeira quenda do 1 ao 5 de xullo e unha segunda do 8 ao 12 de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será a finais de maio ou ata que se cubran as prazas dispoñíbeis, a través da web de T2W.
A Tecnópole explica que “debido ao éxito obtido co módulo Voamos con números: unha aventura aérea levado a cabo durante o curso escolar na Aula Newton Galicia”, instalada no Parque, a Tecnópole decidiu celebrar o seu campamento tecnolóxico de verán aproveitando a metodoloxía e os recursos empregados nesta Aula.
Tal como destacan, “o eido da aeronáutica e o espazo é un dos que máis interese espertan entre o alumnado”. Así, o campamento oferta un conxunto de actividades didácticas e amenas que permitirán aos participantes introducirse nos conceptos básicos da aviónica e a electrónica necesarios para o desenvolvemento de proxectos aeroespaciais. Entre outras actividades, os asistentes aprenderán a pilotar utilizando simuladores de voo profesionais, crearán plans de voo, iniciaranse na montaxe e manexo de drons, na programación de placas electrónicas e mesmo realizarán prototipos mediante impresión 3D.
O custo do campamento é de 150 euros. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario ás piscinas do Parque.
A través desta experiencia procúrase 2que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras”.