O campión do mundo de Fortnite recibe un premio de 3 millóns de dólares

luns, 29 de xullo do 2019 Marcus Fernández

A pasada fin de semana celebráronse as finais da Fortnite World Cup nas súas distintas categorías, da que resultou especialmente rechamante o caso da categoría individual, xa que o estadounidense Kyle Giersdorf, de 16 anos de idade, fíxose cun premio de 3 millóns de dólares co proclamarse campión mundial de Fortnite e conseguindo o meirande premio individual da historia nun torneo de videoxogos. O mozo conseguiu 59 puntos na proba final, ou sexa, unha vitoria moi folgada, xa que o seguinte competidor quedou en só 33 puntos, recibindo tal xogador 1,8 millóns de dólares, mentres que o terceiro cualificado embolsaríase 1,2 millóns de dólares.
Na competición por parellas os gañadores foron o austríaco Thomas Arnould e o noruegués Emil Berguist Pedersen, que recibiron 1,5 millóns de dólares cada un.
No evento celebrado en New York repartíronse un total de 30 millóns de dólares entre os distintos gañadores, converténdose no torneo de deportes electrónicos coa meirande bolsa de premios da historia, aínda que vai verse superado polo The International de DOTA 2 que xa anda polos 31 millóns (bolsa que probablemente medre bastante nas tres semanas que aínda quedan para a contenda).
O fenómeno de Fortnite conseguiu un grande impacto global, e o feito de que durante o presente ano teñan lugar competicións con premios económicos buscaría manter o interese neste título de Epic Games que ten máis de 250 millóns de usuarios e converteuse no obxectivo da meirande de estudios de videoxogos, que queren converterse no vindeiro fenómeno global dentro do xénero dos battle royale.

Os 3 millóns de dólares que recibirá Kyle Giersdorf é o meirande premio individual na historia dos eSports

Vídeo das finais da Fortnite World Cup

PUBLICIDADE