O campionato D3Mobile acada récords de participación malia a crise sanitaria

venres, 29 de maio do 2020 S. P.

A nova edición do campionato científico internacional de modelado en tres dimensións a través dos dispositivos móbiles, D3Mobile 2020, vén de acadar dous importantes fitos na súa traxectoria, co engadido de extra de logralos no medio da adversidade que supón a pandemia e a crise sanitaria: por unha banda obtivo récord de participantes finalistas e, pola outra, foi obxecto dun recoñecemento explícito por parte da Universidade de Florencia, que enxalzou como “perfecto” o seu modelo educativo. Cómpre lembrar que o certame vén da man do Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática (Cigeo) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC.
A decisión inicial de dar continuidade ao certame malia o Estado de Alarma (determinación adoptada polos organizadores do campionato debido á natureza do concurso, cuxo modelo online e tecnolóxico viña preparado para adaptarse perfectamente ás novas circunstancias), traduciuse varios meses despois “nun éxito absoluto”, informan, materializado tanto nunha cifra récord de de finalistas (o número de participantes totais foi de 496 estudantes e 120 profesores de 99 centros educativos de 17 países de todo el mundo), como nos diversos eloxios recibidos da comunidade educativa internacional.
Unha das maiores gabanzas á D3Mobile foi a realizada pola profesora Parisi, da Universidade de Florencia, que colabora co grupo Cigeo da USC nesta edición do campionato, que durante a fase confinamento social decretada nesta rexión italiana, manifestou a través das redes sociais que “a situación de alarma sanitaria forzounos mudar a nosa forma de ensinar e logo de meses de reflexión sobre novos enfoques educativos axeitados para este tipo de situacións excepcionais, concluímos que o proxecto D3Mobile sintetiza os elementos fundamentais dun modelo perfecto para este fin”.
Fases do concurso e votacións públicas
Unha vez avanzadas as distintas fases da competición nas que se estrutura D3Mobile e logo de que os distintos equipos participantes presentaran as súas respectivas propostas de traballo, que están accesíbeis na web do certame, os 29 modelos 3D presentados por los equipos finalistas desta edición serán valorados por parte do público nun proceso de votación aberto que se desenvolverá en liña a partir do 1 de xuño na páxina do campionato. O público participante determinará un dos galardóns outorgados os gañadores, ademais do premio ao equipo que acade o maior número de seguidores e consiga máis impacto na súa contorna social.
Tamén se distinguirán os equipos que presenten os mellores resultados nas medicións de precisión feitas en modelos 3D, así como os equipos con modelos 3D escaneados con maior calidade.
Completan a relación de galardóns un premio ao modelo 3D dedicado á investigación na USC, outro ao labor de I+D desenvolvido no marco da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra e un premio doado pola Fundación Mujeres e referido a unha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría e da arquitectura. O fallo dos galardóns será público a finais do mes de xuño.


PUBLICIDADE