O caso de Estonia centra na UVigo un debate sobre a dixitalización das administracións

venres, 19 de xuño do 2026 S. P.

Os logros en materia de Administración Electrónica de Estonia, o país máis avanzado de Europa a nivel de dixitalización pública, centraron este xoves 18 de xuño unha sesión impartida polo investigador da Universidade Tecnolóxica de Talín David Ramiro Troitiño, nun coloquio na sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.
Promovido polo profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, este relatorio forma parte das actividades da rede europea ENDE (European Network on Digitalization and E-Gobernace), unha iniciativa que reúne investigadores e investigadoras de doce países co obxectivo de afondar nas múltiples implicacións da transformación dixital da Unión Europea.
Financiada polo programa Erasmus+, esta rede ten como coordinador a David Ramiro, quen protagonizaba nesta xornada un coloquio no que afondou tanto na historia recente dun “país moi pequeno”, con preto de 1,3 millóns de habitantes, como na súa aposta pola dixitalización das relacións da cidadanía coa administración.
“Practicamente todos os trámites podes facelos no ordenador”, sinalou o profesor da Tallinn University of Technology, que incidiu, por exemplo, en como ata nos procesos electorais a participación dixital é superior á presencial.
Salientou como un dos puntos fortes do modelo estoniano a “conexión entre todos os servizos” das diferentes administracións a través de “diferentes portais que están conectados entre si”. Máis aló de que este modelo “fai a vida moito máis cómoda” e responde “ao sistema social do país”, Ramiro Troitiño recoñeceu tamén a existencia dunha fenda dixital, fronte á que se instauraron medidas dirixidas a aqueles colectivos con maiores dificultades para relacionarse coa administración por medios electrónicos. Porén, recalcou tamén que o caso estoniano non é o dun “sistema híbrido que faga unha transición ordenada dun sistema analóxico a un dixital”, senón que foi unha aposta por un modelo dixital ao que se engadiron “medidas para axudar aos grupos da sociedade que non se poden adaptar”.