O catálogo patrimoniogalego.net deixa atrás a liña dos 4 mil bens
venres, 21 de xuño do 2013
O
catálogo patrimoniogalego.net,
acubillo colaborativo en liña para o rexistro da nosa riqueza
etnográfica e cultural, chegou esta semana (trala incorporación da
área arqueolóxica das Burgas en Ourense, da man de Xosé Troiano)
aos 4.000 bens inventariados e incluídos. A cifra acadouse dous anos
despois de botar a andar este espazo virtual cuxo obxectivo é, como
dixemos, a preservación dos bens culturais galegos a través do seu
mellor coñecemento colectivo. O certo é que nos últimos meses,
segundo apuntan os responsábeis do catálogo (entre os que se conta
o blogueiro Manuel Gago), detectouse maior velocidade no avance do
proceso de catalogación. Isto foi posíbel grazas
ao esforzo desinteresado dun cada vez maior número de participantes.
“Ao
contrario do que ocorre cos inventarios oficiais”,
informan
“patrimoniogalego.net
permite
á cidadanía involucrarse de
xeito activo no rexistro e inventariado
dos monumentos do país, polo que día tras día vanse abranguendo
maiores áreas do noso territorio conforme se
suman
novos catalogadores,
algo
que resulta de importancia capital, dada a inxente cantidade de bens
culturais distribuídos
por toda a xeografía galega, a maior parte dos cales pendentes aínda
de seren catalogados”.
Segundo
apunta o equipo do catálogo en liña, a clave, o motor da
iniciativa, está na participación, unha participación que ademais
non para de medrar, facendo de xeito expoñencial. Outra
das claves está nos propios usuarios, os visitantes, con
independencia do seu nivel de colaboración no proxecto (xente que
comeza o seu contacto coa web buscando no catálogo un ben cultural
que pretende visitar e quere ver como se chega e valorar o estado dos
accesos e que logo, con posteriores visitas, decide implicarse cada
vez máis).
Cómpre
lembrar que amais
do nome e
do emprazamento
do ben patrimonial en cuestión, no catálogo figuran a súa
tipoloxía, datación, descrición, propiedade e, por suposto, a
accesibilidade e o seu estado de conservación, sen esquecer outros
aspectos que poidan resultar de interese, como é o caso da tradición
oral asociada.
No
caso de que un ben cultural desaparecese ou conte con elementos
espoliados, estes datos tamén son resaltados nas fichas
correspondentes. O
portal conta
tamén cunha listaxe
vermella na que figuran aqueles bens que se encontran en peor estado
de conservación, “ata
o punto de perigar de xeito inminente a súa propia existencia”,
explícase.
Creado
co soporte técnico de Wordpress e co aloxamento cedido por
Dinahosting, patrimoniogalego.net é
un Sistema de Información Xeográfica (SIX) totalmente independente,
sen ánimo de lucro e aberto á participación cidadá que polo de
agora se limita a catalogar os bens de carácter inmoble. Do seu
correcto funcionamento ocúpase un nutrido grupo de profesionais de
distintas disciplinas, coordinado polo divulgador e profesor da USC
Manuel Gago. Xunto con Gago, ocúpase do deseño e do mantemento da
web Eladio Rial, mentres que o corpo produción está integrado por
Álex Bragaña, Soledad Felloza e Milagros Bará. O corpo de edición
que supervisa as fichas dos bens culturais catalagodos está formado
por Adela Oyonarte, Carmela Sánchez Arines, Franjo Padín, Xosé
Gago e Elixio Vieites. Das cuestións xurídicas ocúpase o avogado
Bernardo Dios e, por último, os xornalistas Xurxo Salgado e Félix
Aragunde integran o gabinete de comunicación.