O cemiterio de San Froilán de Lugo ofrece unha xira virtual polas súas instalacións
venres, 14 de xuño do 2019
Visitar
(e redescubrir) Lugo dunha maneira tecnolóxica é posíbel. Se
recentemente falamos
da iniciativa do Concello para mostrar os detalles e historia das
portas da Muralla Romana en clave de Realidade Aumentada, esta
semana o
Goberno local de Lara Méndez deu a coñecer a posibilidade de
facermos unha xira virtual polas instalacións do Cemiterio Municipal
de San Froilán, un dos máis relevantes (por historia, por
interese cultural e artístico) dos camposantos galegos e estatais.
O
tour virtual, que conta con 79 fotografías panorámicas 360º,
foi dado a coñecer pola concelleira de Concello e Cidadanía en
funcións, Rosana Rielo, quen enmarcou esta nova acción de difusión
do cemiterio como “recurso patrimonial, histórico e turístico”.
Nas súas palabras, “trátase dunha forma innovadora de coñecer o
Cemiterio Municipal que ofrece, a través dos ollos de Álvaro
Barreiro, os distintos monumentos do camposanto, persoeiros
destacados, ou incluso a propia capela, entre outros”.
Como
dixemos, a xira virtual conta con 79 fotografías panorámicas en 360
graos, con 291 marcadores puntuais, 47 imaxes que son puntos de
interese, 11 documentos explicativos e 2 galerías de fotos do
Mauselo da familia Ventosinos e do Panteón de García Abad. As
persoas interesadas en realizar este tour polo cemiterio, que
atesoura importantes recoñecementos como os premios de Mellor
Monumento Arquitectónico de Cemiterios de España e o de Mellor
Actividade de Portas Abertas de Cemiterios de España, poden acceder
a través da web cemiterio.lugo.gal.