O centro AtlantTIC abre as súas portas á cidadanía este 26 de novembro

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, o centro AtlantTIC, recupera este ano o formato presencial da súa Xornada de Portas Abertas, que se celebra este venres 6 de novembro. A xornada está enmarcada no programa Divulgando Ciencia Singular da UVigo, e desenvolverase en horario de 16.00 a 19.00 horas e está aberta ao público xeral.
Para quen non o saiba, AtlantTIC é un centro de investigación referente no ámbito tecnolóxico-dixital e composto por máis de 170 profesionais distribuídos en 11 grupos de investigación que desenvolven coñecemento no campo da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os eServizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.
Baixo o lema Conectando con AtlantTIC, fontes do centro informan de que a través da xornada deste venres “as persoas visitantes poderán achegarse ao traballo dos máis de 170 profesionais que forman parte deste centro de excelencia investigadora e aos retos no ámbito das telecomunicacións nos que traballa o equipo deste centro”.
Nun plano máis concreto, durante a xornada o centro ofrecerá espazos para compartir co público os seus proxectos máis punteiros e algúns resultados das súas últimas investigacións en curso co fin de achegar a ciencia aos cidadáns pero tamén esperar vocacións entre os máis pequenos.
“A través de obradoiros, demostracións prácticas e visitas, as persoas participantes poderán pórse ao día nos últimos avances en 5G, nanosatélites, comunicacións ópticas, saúde dixital ou Intelixencia Artificial”, sinalan dende o centro da Universidade de Vigo sobre a temática das actividades.
Tamén está previsto que o público poda gozar de visitas guiadas a algúns das súas infraestruturas, como laboratorio de seguimento de satélites, ou as cámaras anecoicas do laboratorio de acústica e do laboratorio de medidas radioeléctricas.
Para participar na xornada require inscrición previa xa que aforamento é limitado. As persoas interesadas poden anotarse na propia web do centro AtlantTIC.
Esta actividade está co-financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

PUBLICIDADE