O centro atlanTTic achega tecnoloxía para a conservación da selva amazónica e a sabana brasileira

venres, 11 de abril do 2025 S. P.

A UVigo, a través do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), participa xunto coa Universidade de Brasilia (a través do docente e investigador Renato Borges) e a empresa galega Alén Space nun proxecto que colleita datos sobre o clima, a temperatura, a humidade e a biodiversidade da selva amazónica e da sabana brasileira, o Cerrado, achegando información crucial para a súa xestión e a súa conservación. Estamos a falar da misión Perceive.
“O sistema proposto ten un impacto significativo ao ofrecer a Brasil a autonomía estratéxica na recompilación e almacenamento de datos, algo fundamental para mellorar a capacidade de resposta ante posíbeis catástrofes naturais e para preservar a biodiversidade, tendo en conta que actualmente Brasil depende en gran medida de terceiros para acceder aos datos necesarios para facer monitoraxe do seu vasto territorio, o que xera desafíos en termos de control e resposta ante situacións críticas”, explica o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicación e responsábel do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da UVigo, Fernando Aguado.
Desde a súa chegada á Universidade de Vigo en agosto de 2024 para realizar unha estadía, o docente e investigador da Universidade de Brasilía Renato Borges impulsou o desenvolvemento dunha innovadora plataforma satelital tipo FlatSat, en colaboración co Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic e a empresa Alén Space, que integra varios do seus produtos como o Triskel, un ordenador de a bordo que tamén actúa como sistema de control de telemetría, e dous radios definidos por software TOTEM, a base sobre a que se desenvolve a carga útil, un sistema IoT (siglas de Internet das Cousas) de monitoraxe ambiental, “que permitirá recompilar os datos da selva amazónica e o Cerrado, achegando a información precisa para xestionar e conservar este ecosistema vital”, explica Borges.
Neste intre, os investigadores están a traballar na configuración dos requisitos e análise da misión, o concepto de operacións e o orzamento para os distintos subsistemas, utilizando o FlatSat como plataforma de probas, unha fase que será crucial para definir con maior precisión os obxectivos da misión e establecer as bases para a súa aplicación futura.
Segundo fan saber, o sistema desenvolvido coa plataforma FlatSat “axudará a cambiar a dependencia que actualmente ten Brasil de terceiros á hora de dispoñer de datos precisos para monitorizar o seu territorio, permitíndolle xestionar de xeito independente a monitoraxe e recompilación de información ambiental, facilitando así intervencións máis rápidas e precisas en caso de emerxencia”. Ademais, sinala Renato Borges, “este sistema integrarase no proxecto Perception, desenvolvido por Brasil, que procesará este datos e emitirá ordes para intervir de xeito eficiente en áreas onde a vexetación e o clima estean fóra de control, ademais de achegar unha base de datos estruturada para investigacións científicas, xestión pública e toma de decisións”.
A monitoraxe ambiental que ofrece a plataforma desenvolvida en Vigo tamén achegará unha análise máis profunda da biodiversidade, o que contribuirá a activar estratexias máis efectivas para protexer os biomas brasileiros e contribuír aos esforzos globais contra o cambio climático. “Neste contexto, a misión do futuro satélite Perceive, que actualmente está a fase de revisión preliminar do deseño (PDR), perfílase como unha peza clave deste esforzo conxunto. A misión ampliará e mellorará as capacidades de monitoraxe utilizando esta plataforma e, agárdase, que xogue un papel esencial na protección do medio ambiente”, detalla Manuel Diz, investigador do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da UVigo.
Por certo que a colaboración entre a UVigo e Borges non é nova, e, de feito, con anterioridade a este proxecto, xuntaran forzas nos satélites CubeSat HumSat-D e Serpens, no ano 2013, e no AlfaCrux en 2022, con adestramentos para o equipo de Brasil.
Borges, membro do Departamento de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Brasília, participou este xoves 10 de abril, xunto ao docente e responsábel do programa espacial de pequenos satélites da Norwegian University of Science and Tecnology (NTNU, Roger Birkeland, nun seminario organizado por atlanTTic no que trasladaron ao persoal investigador do centro as súas experiencias e avances sobre a carreira espacial nas súas respectivas universidades.