O centro atlanTTic concede o seu premio á mellor tese de doutoramento ao investigador catalán Jordi Borràs
martes, 10 de xuño do 2025
Onte, luns 9 de xuño, tiña lugar no campus de Vigo o acto de entrega do Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento no ámbito das Tecnoloxías de Telecomunicación, un galardón convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, en colaboración coa sección española do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers).
O premio, que acada a súa segunda edición, foi dar ás mans do investigador Jordi Borràs Pino, e recoñece o traballo de investigación máis salientable neste eido realizado en universidades españolas durante o ano 2023. A tese de Borrás, realizada na Universitat Politècnica de Catalunya, aborda un dos retos centrais nas comunicacións sen fíos, a mitigación das interferencias sen coñecemento previo da rede nin coordinación entre transmisores e receptores.
Indo ao acto de entrega do pasado luns, dicir que foi na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero e contou coa participación do reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e o subdirector do centro, Luís M. Álvarez Sabucedo.
A tese de Jordi Borràs, titulada Opportunistic communications in large uncoordinated networks, desenvolvida na Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), trata un dos retos centrais nas comunicacións sen fíos e propón un esquema innovador de transmisión para sistemas mono e multi-antena que permite reducir ou mesmo evitar estas interferencias, avanzando cara a sistemas de comunicación máis robustos e eficientes.
“Este premio ten un triplo significado. Por unha banda, un recoñecemento ao duro traballo durante o meu doutoramento, así como tamén unha motivación a seguir traballando. Por enriba de todo, tamén é un recoñecemento a todos aqueles que foron partícipes, de maneira directa ou indirecta, do meu traballo”, sinalou o galardoado, que actualmente forma parte do equipo de atlanTTic.
Asemade, Borràs quixo subliñar o carácter teórico da súa tese e os retos que isto supuxo á hora de divulgar os resultados, o que lle obrigou a buscar aplicacións relevantes e comunicar os seus achados de xeito claro e rigoroso. “O principal obxectivo da miña tese doutoral era o deseño dun esquema de transmisión para sistemas mono-antena e multi-antena que tivese a capacidade de reducir -e idealmente, evitar- as interferencias sen a necesidade de coñecer perfectamente o estado da rede de comunicacións e sen a necesidade de que o transmisor e o receptor estean cooperando”, explica.
Cómpre facer fincapé nun dos aspectos máis importantes da tese gañadora, falamos da súa potencial aplicación práctica na coexistencia de tecnoloxías de comunicación heteroxéneas, como as redes móbiles 4G e 5G, ou transmisións con e sen restricións de latencia. Isto supón un avance clave para mellorar a eficiencia espectral en contextos cada vez máis densos e complexos e podería ser mitigar a interferencia debida á coexistencia entre distintas tecnoloxías de comunicación.
Achegándonos á figura de Jordi Borràs, dicir que é de Cataluña, que obtivo o Grao en Ciencias e Tecnoloxías de Telecomunicación (2016), o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación (especialidade en Comunicacións Sen Fíos, 2018) e o Doutoramento en Teoría da Sinal e Comunicacións (Sobresaliente Cum Laude, 2023) todos pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), onde xa destacara como investigador no grupo SPCOM. Dende maio de 2023 é investigador posdoutoral en atlanTTic, colaborando co grupo de Procesado da Sinal en Comunicacións (GPSC). Neste grupo participou en proxectos sobre comunicacións full-duplex, o novo paradigma ISAC (Integrated Sensing and Communications) e vulnerabilidades en aprendizaxe federado. Este mesmo mes rematará a a súa etapa en Galicia e incorporarase como profesor axudante doutor á Universitat Politècnica de Catalunya, onde continuará desenvolvendo a súa carreira investigadora.
Para rematar, informar que dende atlanTTic acaban de convocar a terceira edición do Premio atlanTTic á mellor tese en Tecnoloxías de Telecomunicación, en colaboración coa sección española do IEEE. As bases da convocatoria están dispoñibles nesta ligazón e o prazo de candidaturas permanecerá aberto ata o 16 de setembro de 2025.