O centro atlanTTic convoca a segunda edición do seu Premio á Mellor Tese Doutoral

xoves, 12 de setembro do 2024 S. P.

Dende o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, veñen de anunciar a segunda edición do seu Premio á Mellor Tese Doutoral, un recoñecemento que nace coa vontade de recoñecer o labor realizado por aquelas persoas investigadoras cuxa tese doutoral represente un avance significativo no eido das Tecnoloxías de Telecomunicación. Esta distinción quere salientar aquelas achegas que, baseadas na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico no ámbito das Tecnoloxías das Telecomunicacións, presentan unha alta capacidade de avance no coñecemento producido nestas disciplinas. Alén disto, o dito premio tamén servirá de estímulo complementario para as persoas investigadoras que traballan neste senso.
En canto ao certame, dicir que para presentarse é preciso estar en posesión dun título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendese a súa tese doutoral no eido das Tecnoloxías de Telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) en calquera universidade española e que a tese fose defendida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. Para optar ao premio, o traballo debe ter acadado a máxima cualificación, é dicir, excelente cum laude, así como ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese doutoral no eido das Tecnoloxías de Telecomunicación.
Engadir que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto até o 16 deste mes de setembro e as persoas solicitantes deberán cubrir o formulario en liña na ligazón (formulario), descargalo e presentalo na sede electrónica da Universidade de Vigo a través da instancia xenérica (SXER) existente na sede, e poñer como asunto: Premio atlanTTic-Tese Doutoral; achegando só o formulario coa solicitude. Informar que a contía máxima do premio é de 2500 euros.