O centro atlanTTic da UVigo abriu as súas portas a alumnado e público en xeral
luns, 23 de outubro do 2023
Dende as páxinas de Código
Cero xa apuntamos a este venres 20 de outubro como
data de portas abertas nunha xornada organizada polo Centro de
Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic da
Universidade de Vigo, á que estaba convidado o alumnado de varios
institutos de ensino medio en Vigo. A iniciativa Conecta con
atlanTTic ten como finalidade achegar á cidadanía galega as
instalacións, laboratorios e principais liñas de traballo deste
centro.
Durante
a visita alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de coñecer de
preto as instalacións e o equipo de traballo deste centro,
participando en demostracións sobre comunicacións 5G, ópticas e
vía satélite, e falando coas investigadoras e investigadores sobre
proxectos como Panoramix, centrado na detección do deterioro
cognitivo en persoas maiores, ou Celia, un chatbot con empatía
para entreter e acompañar a persoas maiores. Familiarizáronse tamén
cos sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed,
que traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para
facilitar a comunicación coas persoas xordas; e Lightboard, un
taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.
Alén disto, as persoas asistentes participaron nas visitas guiadas
aos laboratorios, como o de Seguimento de satélites; o de Acústica,
incluída a sala de control non-environment e a sala
semi-anecoica, acondicionadas coa tecnoloxía Metadyne, material que
permite absorber as ondas acústicas; e o laboratorio QOPHI, centrado
na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados,
onde se puxeron ao día sobre a revolución que supoñen os chips que
empregan esta tecnoloxía.
Engadir que nesta visita o alumnado, principalmente da ESO, de
Bacharelato Tecnolóxico e dun ciclo de FP, aproveitou para
interesarse polo labor cotián das investigadoras e investigadores
dun centro de investigación e como repercute o seu traballo na
sociedade.
A Xornada de Portas Abertas de atlanTTic continuou pola tarde dese
mesmo día pero encamiñada ao público xeral.