O centro atlanTTic traballa nun proxecto europeo para a integración laboral de mulleres migrantes

venres, 31 de marzo do 2023 S. P.

O centro atlanTTic (UVigo) compartiu detalles dun relevante proxecto europeo destinado a fomentar a integración laboral das mulleres migrantes mediante redes. Foi posto en marcha en 2022 coa participación dun grupo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo. Trátase de Worldplaces. Workplaces working for women’s integration, do que vén de abrollar unha iniciativa complementaria: o portal Thinkilusion, que proporciona a profesionais do ámbito socioeducativo ferramentas e exemplos para facilitar a inclusión de colectivos vulnerábeis.
Media ducia de países europeos
O proxecto Worldplaces está financiado pola Comisión Europea a través da Convocatoria AMIF-2020-AG-CALL (Transnational Actions on Asylum, Migration and Integration). Cun orzamento total de arredor dun millón de euros, na iniciativa participan xunto á UVigo entidades de Grecia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Austria, sendo liderada pola Cooperativa Sociale Quid de Verona (Italia). No caso da Universidade de Vigo, participa a través de atlanTTic persoal docente e investigador da Facultade de Educación e Traballo Social; da Facultade de Filoloxía e Tradución e da Escola de Enxeñería de Telecomunicación. Coordinado polo catedrático Manuel Fernández, o equipo de Worldplaces na UVigo está integrado por Pino Díaz; Carmen Ricoy; Edita de Lorenzo; Maribel del Pozo, Íñigo Cuíñas; Enrique Costa; Manuel Caeiro e Joseba Delgado.
O portal
Thinklusion é un portal web de recursos que pretende “ofrecer ferramentas que axuden á integración das mulleres migrantes no seu novo contexto social e laboral”. A súa misión, engade o equipo de atlanTTic, é “o apoderamento das persoas, en especial as máis vulnerábeis, empregando metodoloxías creativas que lles proporcionen autonomía, capacidade de adaptación e faciliten a súa inclusión”. Para acadalo, o portal facilita ferramentas e modelos destinados principalmente a profesionais da intervención socioeducativa co fin de que coñezan a metodoloxía do deseño intelixente (design thinking) e dispoñan de recursos para a súa aplicación con colectivos en risco de exclusión.
A metodoloxía do deseño intelixente, segundo indican as e os responsábeis da iniciativa, “proporciona un proceso de intervención organizado en cinco fases que perseguen obxectivos delimitados e avaliábeis, medindo así as melloras e eficiencia no proceso de toma de decisións, tanto da organización como das persoas usuarias”. Trátase, apuntan, dun proceso estruturado que proporciona ás persoas desenvolvemento de estratexias autónomas para identificar problemas; busca de formas diverxentes e creativas para resolvelos; decisión autónoma do camiño a seguir; planificación das súas propias accións e avaliación do resultado e mellora do seu proceso.
As diferentes ferramentas propostas están organizadas en función das fases da metodoloxía design thinking (empatizar, definir, idear, prototipar ou realizar), dos instrumentos (avaliación, intervención ou organización) e do tipo de agrupamento que permiten (individual ou colectivo), podendo as persoas usuarias utilizar filtros e seleccionar aquelas que se poidan adaptar mellor á situación das persoas coas que van a intervir, ou transformándoas segundo as necesidades detectadas.
AtlanTTic tamén explica que a case trintena de ferramentas que xa presenta a web son “moi diversas”. Entre elas está a análise DAFO, para organizar as debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades coas que conta a persoa á que se destina a intervención; Memorias, para coñecer a súa propia historia mediante obxectos ou fotografías persoais; DCBE, para avaliar o seu desenvolvemento de competencias básicas de empregabilidade, ou PIC-A, para avaliar o seu pensamento diverxente (verbal, gráfico e xeral).
Tamén hai recursos como a Ruleta das necesidades, que quere facilitar o proceso de xeración de diferentes necesidades atendendo a temáticas preestablecidas; Brainstorming cooperativo, para ofrecer ideas con utilidade para resolver cooperativamente un reto; ou Debuxa a túa idea, para representar graficamente os pasos a seguir para levar a cabo a idea proposta.
Estas ferramentas son aplicadas na web en cinco casos concretos que, segundo apuntan dende o centro vigués, “funcionan como modelos inspiradores e nos que se pode comprobar como a metodoloxía design thinking pode mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerábeis”.

PUBLICIDADE