O centro de coworking de Lugo afronta a súa quinta edición cunha alta taxa de empregabilidade
luns, 17 de febreiro do 2020
O
Concello
de Lugo presentou hoxe os detalles do seu novo Inicia Coworking
(o seu programa de traballo e emprendemento colaborativo e innovador)
ao tempo que fixo un chamamento á veciñanza para participar nunha
iniciativa que, segundo dixo a alcaldesa, Lara Méndez, xa foi quen
crear 350 postos de traballo e acadar unha taxa de éxito do 63% (a
porcentaxe de emprendedoras/es participantes nas anteriores
convocatorias que están a día de hoxe facturando). Inicia
Coworking, impulsado polo Concello e a Escola de Organización
Industrial, ten
aberto xa o seu prazo (até o 10 de marzo) de inscrición.
A
rexedora, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e
Emprego, Mauricio Repetto, fixo saber que a quinta edición do
programa “busca persoas emprendedoras”, e ofrece, “de xeito
individual e gratuíto”, formación e acompañamento para a posta
en marcha ou consolidación de novos proxectos de carácter
innovador. Asemade, explicou que unha vintena de persoas poderán
incorporarse a esta nova edición do programa, do que xa se
beneficiaron 89 emprendedores nas catro convocatorias celebradas até
o de agora.
Entre
todas as inscricións realizarase unha selección de participantes
desta nova convocatoria, que se prevé comece en marzo nas
instalacións municipais do CEI-NODUS.
O
Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto,
“animou a todas aquelas persoas con iniciativa e con ideas para
novos proxectos a presentar as súas ideas a esta convocatoria”.
Méndez
e Repetto tamén fixeron balance da actividade do CEI-NODUS: “Nos
quince anos que leva en marcha asesorou a máis de 3.300 proxectos,
creáronse aproximadamente 350 empresas e instaláronse no viveiro
105 proxectos empresariais, cunha supervivencia que rolda o 80%”.
Amais, dixeron, “as 86 empresas que están en activo xeraron
directamente máis de 340 postos de traballo e varias ducias de
postos indirectos”.