O centro de coworking do Pazo de Arenaza xa voa alto con 16 emprendedoras e emprendedores

xoves, 13 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña deu un novo impulso estes días ao seu programa para alentar novos xeitos de traballar, facer innovación e emprender nos concellos: a fórmula do coworking. Estamos a falar da súa rede provincial de centros traballo colaborativo para emprendedores, unha rede que colle azos coa posta en marcha oficial do espazo de traballo innovador do Pazo de Arenaza (Oleiros), ocupado xa por dezaseis emprendedoras e emprendedores dos ámbitos da informática, a enxeñaría e o urbanismo. Para máis información sobre o proxecto, cómpre visitar arenaza.pel.gal.
Esta semana o centro subiu un novo chanzo cunha actividade na que os residentes e outros novos empresarios e profesionais intercambiaron coñecemento con Felipe García Rey, formador, motivador e mentor de equipos comerciais, amais de profesional cunha ampla experiencia en compañías de primeira liña como as operadoras Amena e Ono ou El Corte Inglés.
O almorzo comezou cunha exposición sobre a importancia das habilidades de venda e comerciais e proseguiu cun formato máis distendido a través do que todos os asistentes tiveron a oportunidade de formular ás súas cuestións e de conversar con Felipe García Rey.
Esta xeira de traballo e divulgación enmárcase dentro das actividades formativas e de networking que se realizan ao abeiro do espazo de traballo colaborativo (coworking) do Pazo de Arenaza, cuxa posta en marcha, xestión, coordinación e dinamización enmárcanse dentro da liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.
Dentro dos eventos programados para os vindeiros días atópanse os seguintes: Xest-hora (actividade formativa prevista para todos os mércores no Pazo de Arenaza co obxectivo de axudar aos coworkers nas xestións coa Administración), Business Bites - Como potenciar a colaboración dos teus equipos con Trello (o xoves 20 de xuño terá lugar un obradoiro formativo de utilización da ferramenta Trello, analizando fluxos de traballo e algúns principios de produtividade persoal para mellorar a efectividade), EnReDando (o xoves 27 de xuño celebrarse un evento de networking no que diferentes profesionais contarán as súas vivencias no entorno laboral), #FreelancersDay 2019 (o xoves 4 de xullo celebrase o Día do Orgullo Freelance, no que centos de persoas en coworkings de toda España reuniranse para compartir experiencias, facer networking e celebrar o emprendemento).
16 ocupantes
Na actualidade, o espazo de innovación do Pazo de Arenaza xa é o centro de traballo de 16 emprendedores e emprendedoras. A todas e todos se lles facilita un espazo físico temporal, a utilización de espazos común (salas de reunión, zonas de descanso...), servizos de reprografía, Internet, telefonía, asesoramento legal e administrativo.
Amais, ofrécenselles servizos complementarios avanzados como unha orientación estratéxica (acompañamento e asesoramento), creatividade e innovación, seminarios de creación de cultura creativa, obradoiros de deseño de servizos, acceso a fontes de financiamento, encontros con bussines angels e entidades de capital risco, delegacións virtuais, acceso aos outros espazos de traballo da Rede, servizos de formación grupal para beneficiarios/as , viaxes de aprendizaxe, etc.
Máis centros
Amais do de Oleiros, a Deputación da Coruña está a impulsar novos centros de traballo colaborativo en Boiro, Brión, Ames e Carballo.
Polo que se refire ao centro de Boiro, trátase do proxecto Emprende-LAB Barbanza, un espazo para o fomento e a creación e aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para a comarca coma o conserveiro e de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico. O espazo emprazarase nun local do Polígono Industrial de Espiñeira propiedade do Concello de Boiro, con 283 metros cadrados de superficie útil, que contará con 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns.
Pola súa banda, o Concello de Brión, co proxecto Espazo Colaborativo Transformando en Brión, aposta por “un ambicioso proxecto que contribuirá á mellora e modernización do sector primario”. Este espazo, en palabras da Deputación, será “pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario de produtores locais dos municipios da comarca de Santiago”. O espazo, que se instalará na área comercial Monte Balado, contará cunhas instalación específicas para todo o proceso de transformación e contará co seu propio rexistro sanitario.
Pola súa banda, o centro de Carballo estará orientado ao sector tecnolóxico e as empresas innovadoras. Emprazarase no complexo do Fórum Carballo, que abrangue cinco inmóbeis enfocados á prestación de servizos relacionados coa formación e o emprego nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte. Terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademais de dispor de recantos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a.
Por último, a Rede de Espazos de Traballo Colaborativo, dirixidos a facer despegar o emprego e a innovación aplicada aos xeitos de traballar, tamén terá presenza en Ames (Milladoiro). Será un centro de innovación audiovisual e dixital e xa conta cun orzamento de 200.000 euros. A intención do Goberno local e da Deputación é facer que “sexa a clave da transformación socioeconómica do municipio”.
Tanto o enclave de Ames como os restantes de Oleiros, Carballo, Brión e Boiro, comparten a arela común de servir de acubillo ao traballo colaborativo de carácter sectorial, adaptándose todos eles, coas súas características propias, ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencial de cada unha das zonas. Así, o centro de Oleiros estará destinado ao sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovábeis; o de Carballo a empresas TIC; o de Boiro ao sector do mar e o de Brión á transformación de produtos do sector primario, mentres que o de Ames centrarase no sector audiovisual e a innovación dixital.

PUBLICIDADE