O centro de coworking e incubación Accede Papagaio celebra os seus 10 anos de andaina
venres, 3 de xullo do 2026
O Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio celebrou este xoves 2 de xullo o seu 10º aniversario. Na cita participou a alcaldesa Inés Rey, quen lembrou que o Accede Papagaio, xunto ao Centro de Agrela integra a rede municipal de apoio directo ao emprendemento e os proxectos empresariais na cidade, dando ferramentas e asistencia a decenas de pequenos negocios e a persoas que están desenvolvendo desde cero o seu proxecto.
Recordou tamén que o Accede Papagaio é un espazo de coworking e incubación empresarial do Concello da Coruña deseñado para potenciar proxectos emprendedores, con especial foco na innovación, as novas tecnoloxías e a transferencia de coñecemento.
"Os Centros Municipais de Empresa (CME) son un piar fundamental da estratexia do Concello para reforzar e acompañar ao tecido produtivo local. Desde O Papagaio e Agrela, ofrecemos á cidadanía un lugar no que establecerse na fase de inicio e consolidación dos seus proxectos. Este labor é clave, porque elimina barreiras de entrada ao mercado e supón un impulso ao emprendemento", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
As actividades da xornada incluíron unha benvida institucional, varias charlas sobre distintas temáticas vinculadas ao emprendemento e un acto de peche e música en directo.
O Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio, activo desde 2016, deu cabida a preto de 70 iniciativas empresariais, converténdose nun espazo dinámico, flexible e adaptado a novas formas de traballo, onde o networking, a formación e a cooperación forman parte do día a día. Pola súa banda, O CME de Agrela, en funcionamento desde 2010, acolleu ao longo da súa traxectoria 48 empresas, das que o 70% seguen hoxe en activo. Actualmente, 12 empresas operan desde o Accede Papagaio, e outras 6 desde o centro de A Grela.
"O Goberno municipal puxo todo da súa parte para que os proxectos fundamentais dos Centros Municipais de Empresa teñan ao seu dispor tanto os recursos necesarios para levar a cabo a súa actividade como un marco xurídico que lles permita facelo con todas as garantías. Por iso, en 2025, modificamos a ordenanza que regula os CME, facilitando o acceso, axilizando os procesos e, sobre todo, ampliando as oportunidades para as empresas aloxadas", engadiu Inés Rey. Ademais, a modificación da normativo permitiu tamén ampliar o tempo máximo de estadía das empresas a 9 anos.
As empresas beneficiarias dos Centros Municipais de Empresa poden desfrutar da cesión de espazos de traballo para proxectos emerxentes e usuarios puntuais, desde a fase de desenvolvemento da idea ata a consolidación no mercado, por un período de ata 9 anos, unha extensa programación de actividades e cursos de formación gratuítos no uso de ferramentas e formas de traballo que melloran competitividade nos mercados modernos (IA, Intelixencia de negocio, análise de datos...), instalacións amplas e equipadas, espazo de coworking, acceso gratuíto a Internet, sala de reunións, sala de descanso, material audiovisual e de reprografía e armarios persoais, entro outras prestacións.
