O centro social de Torneiros no Porriño acolle un programa formativo de transformación dixital
venres, 8 de agosto do 2025
Baixo a premisa de incrementar entre as pemes as posibilidades de dixitalizárense (aumentando e reforzando as súas competitividade, rendibilidade e visibilidade) o Concello do Porriño difunde a posta en marcha dun programa de formación gratuíto en transformación dixital no centro social de Torneiros.
Será os días 8, 9 e 10 de setembro, de 16.30 a 19.30 horas e o prazo de inscrición xa está aberto a través da páxina web digalicia.es, escribindo ao enderezo de correo electrónico directivos@digalicia.es ou chamando ao número de teléfono 672 063 331, onde tamén poderán obter unha maior información.
Trátase dunha formación de 140 horas con charlas profesionais e contido relacionado con facturación electrónica, ciberseguridade, control horario dixital, mercodotecnia e posicionamento web, redes sociais e Whatsapp Bussiness. Os participantes contarán con asesoramento personalizado, sesións de mentoring individual ou grupos reducidos e orientación e asesoramento adaptado.
Dende o Concello do Porriño afiánzase así a colaboración co tecido empresarial local, apostando pola formación “como ferramenta clave para avanzar na modernización e competitividade das pemes do municipio”.
