O centro tecnolóxico Gradiant recibe ao director xeral do CDTI e a directora de GAIN

venres, 12 de setembro do 2025 S. P.

O centro tecnolóxico Gradiant, axente de innovación dixital de referencia no Sistema Galego de I+D+i, recibía o pasado mércores na súa sede de Vigo a José Moisés Martín Carretero, director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e a Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Engadir que esta visita coincidiu coa reunión do Consello Consultivo de Gradiant, un espazo para o debate estratéxico sobre o plan do centro e o seu papel na transferencia tecnolóxica e o impacto social.
Neste encontro puideron coñecer de primeira man algúns dos avances tecnolóxicos de Gradiant en ámbitos como a fotónica, as comunicacións avanzadas, a seguridade e privacidade, a Intelixencia Artificial e as tecnoloxías cuánticas. A visita permitiu tamén compartir impresións sobre os retos e oportunidades que marcan as novas estratexias públicas de I+D+i, tanto a nivel estatal como autonómico.
Asemade, a axenda completouse cunha nova sesión de traballo do Consello Consultivo de Gradiant, onde se presentou o plan estratéxico do centro tecnolóxico e abriuse un espazo de reflexión conxunta arredor do seu papel como axente fundamenta na transferencia de coñecemento, o fortalecemento da competitividade empresarial e a xeración de impacto económico e social en Galicia e en Europa.