O centro tecnolóxico ITG incrementará o seu persoal con 7 novas incorporacións

xoves, 28 de outubro do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) anunciou que vai incrementar o seu persoal no último trimestre de 2021. Farao con sete novos postos de perfís cualificados cos que o centro TIC galego aposta “pola xeración de emprego” nos tres eidos de actividade onde foi recoñecida como centro de excelencia en España: a Intelixencia Artificial, a Transición Enerxética e a Mobilidade Aérea Autónoma. Os postos están en proceso de selección e poden ser consultados na súa web e redes sociais.
O centro tecnolóxico con sede na Coruña contará, trala incorporación destes perfís, con preto dun centenar de empregados, logo de aumentar un 15% o seu persoal no último ano e “incorporando cada vez perfís máis especializados”, segundo explica Félix Rodríguez, responsábel de Comunicación de ITG, que engade que “somos talento buscando talento e apostamos decididamente por crear canteira tecnolóxica e investigadora en Galicia e tamén por retornar profesionais altamente especializados con experiencia posdoutoral en institucións europeas”. Rodríguez salienta que algunhas incorporacións recentes ao centro tecnolóxico traballaban previamente en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Alemaña, así como noutras zonas de España, principalmente Madrid e Barcelona.
A día de hoxe, ao redor do 40% do persoal do ITG está constituído por perfís de Enxeñaría en Informática, e outro 40% por especialistas en diferentes ramas de Enxeñaría Industrial, Aeroespacial e de Telecomunicación. Amais, as persoas formadas en arquitectura tamén teñen unha presenza destacada no centro, alcanzando un 10% do total.
A respecto das posibilidades profesionais que brinda o instituto, Rodríguez engade que o ITG é especialista en desenvolvemento de solucións que fan de ponte entre a Investigación e o Desenvolvemento, por unha banda, e o mercado, pola outra. A isto, “súmase un ambiente laboral acorde coas novas tendencias profesionais, baseado en factores como a flexibilidade, a conciliación, a proactividade e o traballo colaborativo en equipos multidisciplinares”. Polo que respecta aos procesos de selección “cada vez percibimos máis a esixencia dun compromiso ético e social por parte do empregador, e non abonda, por exemplo, que o ITG estea adherido aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel de Nacións Unidas, que o está; o que ilusiona e atrae o talento é ver como contribuímos activamente desde a nosa actividade diaria a moitos dos 17 Obxectivos”, conclúe Félix Rodríguez.

PUBLICIDADE