O centro tecnolóxico galego Gradiant recibe 500.000 euros de La Caixa para o seu proxecto Kiur

mércores, 24 de setembro do 2025 S. P.

Mellorar o coidado de feridas de difícil curación e acelerar a recuperación das e dos doentes é o obxectivo de Kiur, unha aplicación móbil que nace coa vontade de servir de guía aos profesionais sanitarios. Kiur é un proxecto ACE, apoiado polo Programa Ignicia da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e desenvolvido e acelerado dentro do centro tecnolóxico Gradiant desde 2023.
Emporiso, a Fundación la Caixa, resolveu a convocatoria 2025 do programa CaixaImpulse, mediante a cal apoia 31 proxectos biomédicos procedentes de centros de investigación, hospitais e universidades de España e Portugal.
Este ano, dous dos proxectos seleccionados son de Vigo e están liderados por Óscar Pérez, de Gradiant, que desenvolve unha nova solución dixital para tratar feridas difíciles e por Mónica Martínez, da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, que promove un tratamento do cancro de pulmón avanzado con análises de sangue non invasivos.
Desde Gradiant, Óscar Pérez e o seu equipo desenvolven unha nova solución dixital que axudará aos profesionais sanitarios a tratar feridas difíciles. O proxecto recibirá 500.000 euros de CaixaImpulse Innovación. A solución dixital Kiur axudará a tratar estas feridas, comúns entre as persoas maiores, e aquelas con problemas de saúde subxacentes. Adoitan tardar moitos meses en sandar e poden provocar dor, malestar, redución da mobilidade e sensación de illamento, tanto para os doentes como para os coidadores. Tratar estas feridas de maneira efectiva é un reto por mor da ampla variedade de tratamentos e a que non todo o persoal de enfermaría conta con formación especializada no coidado de feridas. Como resultado, ás veces os pacientes reciben tratamentos que non se axustan as súas necesidades, o que pode retardar a curación e aumentar os custos para os servizos de saúde.
Volvendo ao obxectivo principal desta startup, sinalar que se trata de facilitar que os profesionais sanitarios elixan os produtos axeitados para tratar estas feridas, independentemente da súa experiencia. A aplicación funciona en dispositivos móbiles e achega indicacións claras paso a paso, permitindo mesmo ao persoal menos experimentado sentirse seguro ao tomar decisións de tratamento. Arestora, o proxecto está a probarse en residencias e clínicas, amosando que pode marcar a diferenza na calidade do coidado. Alén disto, axuda ás familias ao reducir o tempo e o esforzo necesarios para xestionar estas feridas.
O seguinte paso é completar todos os procesos necesarios para cumprir coa normativa sanitaria e lanzar o produto a nivel nacional, con plans de expandirse a outros países europeos.
Outro proxecto seleccionado por CaixaImpulse Innovación en Pontevedra, cunha dotación de 150.000 euros, é o liderado por Mónica Martínez, da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur. O proxecto promove un tratamento do cancro de pulmón avanzado con análise de sangue non invasivos. Este prometedor enfoque ofrece esperanza ao facer que o proceso sexa máis sinxelo, seguro e confiable. En lugar de ter que extraer parte do tumor, agora os médicos poden empregar unha pequena mostra de sangue. Este sangue contén trazas mínimas do tumor, que achegan información crucial sobre a enfermidade. O obxectivo é asegurar que cada paciente reciba a terapia máis axeitada, evitando tratamentos innecesarios e efectos secundarios. Esta innovación ten o potencial de transformar a atención de miles de doentes, facendo que o tratamento sexa máis personalizado, menos invasivo e máis esperanzador.