O certame Dalle Like Galinfluencers celebrou en Lugo a gala final da súa 1ª edición
luns, 18 de maio do 2026
A primeira edición dos Premios Dalle Like Galinfluencers celebrou este sábado 16 de maio a súa gala final no Círculo das Artes de Lugo, entre as 20.00 e as 23.00 horas, un acto dirixido a “reivindicar o talento galego nas redes sociais”. Contou cunha actuación de Lucía Pérez e unha festa posterior no Versus XL con DJ Kike Varela. Tamén participaron 10 puxantes cociñeiros galegos.
A gala foi un evento benéfico, no que se recadaron fondos para a Protectora de Animais de Lugo.
O certame tivo o apoio de institucións como a Deputación de Lugo, que achegou 3.000 euros para o seu desenvolvemento e o seu impulso.
O certame tamén contou co apoio da Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García, e máis da Consellería de Medio Rural.
Como dixemos, os Premios Dalle Like, que viñeron na súa primeira edición con 10 categorías, buscaban recoñecer o talento galego no ámbito dixital e das redes sociais.
Entre os persoeiros que participaron gala atopábase o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que valorou das e dos participantes a “creatividade e as horas de traballo” que realizan para “conectar coa xente” e destacou especialmente a súas capacidades para “crear comunidade desde algo tan simple, e complicado ao mesmo tempo, como ter unha voz propia. Unha voz que gala desde Galicia, a provincia de Lugo, coa nosa forma de ver o mundo, coa nosa retranca, cultura e naturalidade de quen non necesita parecerse a ninguén para conectar”.
“Na Deputación de Lugo sentimos orgullo de apoiar unha iniciativa coma esta porque sodes persoas capaces de transformar unha idea en algo que conecta coa xente. E iso sempre merece recoñecemento”, engadiu o deputado, ao tempo que felicitou ás persoas que organizaron esta cita, así como aos nomeados e a todos os premiados.
O evento premiou aos mellores influencers en nove categorías diferentes: cultura, humor, moda, viaxes ou deportes, entre outros. Ademais, a programación estivo ambientada nunha romaría tradicional con postos dirixidos por 10 cociñeiros galegos.
