O certame Inventa en galego distingue a creatividade tecnolóxica da nosa rapazada

venres, 5 de febreiro do 2016 Redacción

Finalmente celebrouse esta 5 de febreiro a entrega de premios da segunda edición do concurso Inventa en galego, impulsado por IGACIENCIA (Institución Galega da Ciencia) e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O acto desenvolveuse na Coruña e ao seu abeiro entregáronse tamén os galardóns Sensores para todos, dirixidos a facer coñecemento e utilidades arredor dos sensores da plataforma de hardware Arduino ou os brinquedos Lego.
Como lembraremos, Inventa en galego é unha proposta que IGACIENCIA lles fai aos centros educativos para que elaboren unha aplicación en Android na linguaxe de programación App Inventor. Esta ferramenta deberá reflectir os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan.
No acto, desenvolvido no Centro Ágora, estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e máis Inés Ben e Manuel Díaz, responsábeis de IGACIENCIA. Tamén participou no evento a concelleira de Ensino, Cultura e Desenvolvemento Económico de Brión, Yolanda Bouzas.
Nesta segunda edición do certame, na categoría Inventa en galego, o primeiro premio correspondeulle ao IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña pola súa aplicación Galician. Trátase, tal e como describiron os seus deseñadores, de 1º de bacharelato, “dunha aplicación para dar a coñecer Galicia, cos seus hoteis, restaurantes, as zonas máis destacadas… unha app que ten que ver co turismo e a hostalaría dentro da nosa comunidade’.
A segunda posición foi para o IES de Ames grazas á súa aplicación ComposTour. A súa utilidade, en palabras do equipo de 2º de bacharelato que lle deu forma, é “dar a coñecer polo miúdo o marco histórico e cultural da capital galega.
Canto ao concurso Sensores para todos, resultou premiada a proposta de alumnos de 1º de bacharelato do IES de Brión, consistente nun sensor localizador de zonas escuras. Segundo comentou o equipo que a ideou, “o noso experimento naceu da idea de crearmos un sensor independente, grazas ao cal un robot poida localizar as áreas máis escuras dunha contorna e, por exemplo, alumealas”.

PUBLICIDADE