O certame Lingua de Namorar premiará ás súas gañadoras con tecnoloxía

mércores, 7 de febreiro do 2018 Redacción

Un ano máis son as voces femininas as que se fan cos premios do certame de dinamización lingüística Lingua de namorar, que convocan conxuntamente as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Os dous departamentos fixeron público hoxe o ditame do xurado desta sexta edición da iniciativa, que dobrou considerablemente a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1509 mozos e mozas. 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.
De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado. Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.
Tal e como prevén as bases do concurso, as gañadoras recibirán os seus premios (un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea, un auricular Panasonic Diadema, un televisor conectado de Panasonic de 32 polgadas, un smartphone Wiko con pantalla de 5 polgadas e unha cámara deportiva, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018), nun acto público que conducirá a escritora galega Rosalía Fernández Rial e que acollerá o Museo do Mar de Vigo o vindeiro 14 de febreiro, Día dos Namorados, ás 17:00 horas.

PUBLICIDADE