O certame europeo de navegación por satélite premia o proxecto Alivetor de Gradiant

mércores, 8 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Finalmente houbo presenza galega no palmarés do Concurso Europeo de Navegación por Satélite (ESNC 2017, polas súas siglas en inglés), resolto en Tallin (Estonia) durante a noite deste 7 de novembro ao abeiro da celebración da Semana Europea do Espazo. Máis en concreto, a do Centro Tecnolóxico Gradiant, que viu recoñecido no devandito certame o seu proxecto Alivetor, destinado, entre outras cousas, a extremar a eficacia nos labores de rescate das persoas vítimas dun terremoto, dun alude ou da caída dun edificio. Alivetor, segundo nos recorda Gradiant, tira proveito para o seu funcionamento dun equipo de sensores montados sobre un vehículo aéreo non tripulado e comunicado por satélite, un UAV polas súas siglas en inglés. Respecto da súa participación no dito certame impulsado pola Comisión Europea, Alivetor chegou á final tras proclamarse vencedor da competición galega, organizada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Respecto do papel despregado en Tallin, o proxecto galego obtivo un dos tres premios especiais de servizos incubación que outorga E-GNSS Accelerator, o programa europeo de aceleración de start-ups que realizan desenvolvementos tecnolóxicos a partir do sistema Galileo, o sistema europeo de navegación por satélite.
Os líderes do equipo de Gradiant que estivo á fronte de Alivetor foron os encargados de defender o proxecto na fase final do ESNC 2017. Da explicación das características e funcionalidades de Alivetor encargáronse o director do Departamento de Comunicacións Avanzadas de Gradiant, Jorge Munir El Malek Vázquez, e o enxeñeiro Pablo González Fernández.
Como dixemos, Alivetor permite buscar vítimas en extensas contornas de territorio en pouco tempo e en escenarios de catástrofe. Os seus sensores funcionan con ondas electromagnéticas e poden detectar a presenza de persoas atrapadas até a medio metro de profundidade e a través de materiais como pedra, madeira, terra ou tea. A través da súa conexión satelital GNSS, Alivetor transmite a localización exacta dos datos que obtén. Entre outras cousas, posibilita unha importante redución nos tempos de procura de persoas con vida despois dunha catástrofe, “algo fundamental para minimizar o número final de vítimas”, sinalan os seus desenvolvedores.

PUBLICIDADE