O ciclo Saúde mental en Galicia fai un chamamento por un uso responsable e consciente das redes sociais

luns, 16 de xuño do 2025 S. P.

Este luns 16 de xuño celebrouse en Santiago (no Hotel Eurostars Araguaney) a primeira xornada da 2ª edición do ciclo de conferencias Saúde mental en Galicia, adicado á temática das redes sociais, mocidade e saúde mental e organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas co apoio da Consellería de Sanidade.
A cita foi inaugurada polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez; e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, Almudena Díaz Pereira.
Na súa intervención Gómez Caamaño avanzou que o próximo Plan de saúde mental da Xunta priorizará a atención ao benestar emocional da poboación infanto-xuvenil. Tamén salientou que “Galicia conta co dobre de psiquiatras, psicólogos clínicos e enfermeiros especialistas contratados que en 2009” e que “na recente convocatoria de formación sanitaria especializada ofértanse 58 novas prazas formativas relacionadas coa saúde mental entre psiquiatría, psiquiatría infantil, psicoloxía clínica e enfermería especializada”.
Na xornada abordouse a relación existente entre as redes sociais, a mocidade e a súa saúde mental, unha temática que, segundo indicou o conselleiro, “precisa dunha reflexión polo miúdo para poder acompañar aos mozos e mozas galegas no seu uso responsable, consciente e equilibrado”. Neste senso, Caamaño apuntou que “os datos que derivan do binomio mocidade-redes sociais son preocupantes pois, o 74 % das rapazas menores de 21 anos afirman sentirse afectadas pola presión estética nas redes; preto do 45 % do alumnado recoñece perder tempo de estudo polas redes sociais, e un de cada cinco mozos e mozas cre que estas plataformas causan máis prexuízos ca beneficios”.
Uso responsable e crítico das redes sociais
O obxectivo desta primeira xornada foi sensibilizar sobre o uso responsable e crítico das redes sociais e ofrecer estratexias para que mozos e mozas aproveiten as vantaxes das novas tecnoloxías “de maneira equilibrada e saudable”, fomentando un desenvolvemento persoal e académico que non se vexa afectado pola presión e os riscos asociados ao seu uso.
Para analizar estas cuestións incluíuse no programa unha mesa redonda moderada pola psiquiatra infantil e coordinadora da Unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil do Hospital Materno da Coruña, Laura Vigo. Interveu nela Francisco Ferre, xefe de servizo de Psiquiatría do Hospital Gregorio Marañón e creador do grupo AdCom, Centro Integral de Prevención e Investigación en Adicciones Comportamentales, o primeiro centro de España destas características para a prevención de adicións causadas polo xogo, os videoxogos, o sexo, as compras compulsivas ou as redes sociais.
Tamén falou o doutor en Medicina Molecular e Xenética, biólogo, psicólogo e divulgador científico Julio Rodríguez, que actualmente traballa na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica en Santiago. Achegou o seu coñecemento sobre saúde mental e psicoloxía través do seu blog e as súas contas de Instagram e X, La bitácora Beagle, con máis de 40.000 seguidores.
Ademais, interveu no ciclo Fernando Rodríguez de la Torre, diplomado en Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña, técnico especialista en Márketing, posgraduado en Comunicación Empresarial, profesor na Universidade de Santiago e impulsor o Pacto de Familias en Santiago para atrasar o uso do móbil en menores.
Francisco Ferre explicou que a adición a redes sociais na mocidade é a máis difícil de diagnosticar porque o seu uso forma parte da súa forma de estar no mundo e de relacionarse. Segundo apunta, no centro AdCom de Madrid, que el mesmo dirixe, detectan estes problemas cando os rapaces chegan con outras adicións, como os videoxogos. “Experiencias como o scrolling de pantallas, así como o feito de que os algoritmos das redes sociais alimenten de forma inmediata e constante a curiosidade do usuario, condicionan que chegue un momento en que os rapaces usuarios empreguen unha cantidade de tempo excesiva que altera o seu nivel de funcionamento”, comenta.
Para entender cando se supera a liña vermella, Francisco Ferre sinala que hai que fixarse en tres ámbitos: escolar, familiar e social. Explica que hai que actuar cando o rendemento escolar mingua polo abuso das redes sociais que rouba tempo ao adolescente para estudar, ou mesmo chega tarde ou adormecido a clase porque estivo coa pantalla ata altas horas da madrugada. A nivel familiar, indica que o illamento é progresivo e practicamente reduce a interacción ao imprescindibel. E a nivel social, argumenta que o uso problemático das RRSS supón unha restrición de outras actividades de ocio, culturais e deportivas claves no desenvolvemento cognitivo e emocional dun adolescente que se ven cernadas polo tempo que pasan ante as pantallas.
Na súa opinión, non hai forma de medir que rede social é máis aditiva, diferenciando entre redes de contemplación e exhibición, como son Tik Tok e Instagram. Nestas redes, explica que o que se fai é ver o que fan os demais ou crear contidos para que se contemple o que un ou unha quere exhibir.
En canto ás redes de mensaxería, destaca que estas xeran nalgunhas persoas a necesidade compulsiva de estar comprobando a chegada de mensaxes, polo que verse privados do teléfono móbil asegura que lles pode supor un malestar psicolóxico desproporcionado.
O especialista explica que a adición cursa primeiro cun abuso do tempo de uso, unha necesidade cada vez maior de satisfacer o desexo de ver redes sociais e, despois, prodúcese a abstinencia e, finalmente, “a adicción queda plenamente na persoa que, a pesar de ser consciente do que lle está a supor estar conectada, non o pode evitar e fracasa nas súas tentativas de reducir o tempo empregado”.
Para axudar aos máis novos a combater esta adición, Ferre indica que basicamente o máis efectivo é restrinxir os horarios, establecendo un horario de uso ríxido e proporcionándolles actividades alternativas estimulantes. Así, o experto explica que a prevención no centro AdCom faise con dispositivos que traballan en rede, dependentes do Concello e dos servizos sociais de Madrid, onde se imparten obradoiros de psicoeducación para os máis novos e os seus pais e foméntase a actividade de ocio presencial fronte á vida online.